A delegación do consello comarcal de EU Coruña estaba formada polo coordinador comarcal, César Santiso, a responsábel de comunicación, Luz Ponte e Jesús Liste, mentres que a da AAVV a formaban a súa presidenta, Ana Rodríguez Oliva e a secretaria Manoli Pérez.
Así pois, o consello comarcal de EU Coruña prosegue a súa rolda de contactos co movemento veciñal logo das reunións mantidas coas AAVV Os castros, Os Rolales, Castrillón, Os Mallos-Sagrada Familia e a Plataforma do Ventorrillo.
A xuntanza de Esquerda Unida coa AAVV Os Mariñeiros serviu para achegar as propostas de EU e coñecer de primeira man a problemática do barrio e as suxestións da veciñanza. As representantes veciñais destacaron os problemas de mobilidade, aparcamento e a inexistencia dunha liña que conecte directamente o barrio coa universidade, asemade expresaron a súa preocupación diante do desemprego existente nun barrio, xa de por si con moitas persoas en situación de emerxencia social, como o demostra o feito de que uns 380 veciños e veciñas necesitan apoio para poder alimentarse, o que a asociación fai a través do banco de alimentos cada tres meses.
O coordinador comarcal subliñou a importancia da creación da Empresa Municipal para Asegurar a Soberanía Alimentaria Coruñesa (EMASAC) nos barrios con alto índice de exclusión social, pois todos os excedentes de produción incorporaranse ao banco de alimentos e distribuiranse entre os distintos barrios para que a cidadanía máis necesitada teña acceso a produtos de horta perecedoiros, algo que até o de agora non está a subministrar o banco de alimentos.
César Santiso recordou que EMASAC terá como misión principal dar soporte técnico e formación para desenvolver unha agricultura menos dependente do petróleo, promover a agricultura ecolóxica local na nosa bisbarra mediante convenios con produtores e cooperativas agrarias, artellar redes alternativas de distribución e comercialización que aseguren un prezo digno tanto para consumidores finais como para labregos e labregas, o que permitirá recuperar a riqueza agraria do campo galego que na actualidade se atopa totalmente infrautilizado, xerando un importante nicho de emprego que posibilitará a moitos cidadáns da Coruña acceder a un posto de traballo ao tempo que se reverte o insustentábel fluxo migratorio do rural a cidade, modelo que se entoxa inviábel logo da crise enerxética debido a consecución do cénit do petróleo que o está a situar en prezos históricos.
Durante a xuntanza explicouse tamén a proposta de participación cidadá e orzamentos participativos, o Plan Integral de Mobilidade Universal sostíbel (PIMUS) e o Servizo Integral de Apoio Municipal a Emprendedores (SIAME), encamiñado a axudar a PEMES, autónomos e pequenas cooperativas para cambiar o modelo produtivo, reactivar a economía e xerar emprego estábel de calidade. As ditas propostas tiveron moi boa acollida por parte da AAVV Peruleiro-Os Mariñeiros.