O cámara e reporteiro gráfico José Couso morreu no 2003 durante a invasión de Irak a causa dos disparos dun carro de combate estadounidense contra o Hotel Palestina, da capital iraquí, no que se atopaba traballando coa prensa internacional. Nese ataque morreron tamén o cámerógrafo ucraíno Taras Protsyuk e o xordano Tarek Ayub.
Dende entón diversas actuacións xudiciais tentaron pór en mans da xustiza española aos responsables da morte do ferrolán José Couso. Primeiro a Audiencia Nacional e logo o Tribunal Supremo actuaron, procesándose e emitíndose unha orde de busca e captura sobre os militares estadounidenses que manexaban o tanque que disparou contra o Hotel Palestina. Pero estas actuacións recibiron a negativa das autoridades estadounidenses.
Cando se cumpren dez anos da morte de José Couso, o Parlamento Galego reclama que se clarexen as causas da súa morte e que se xulguen aos responsables da súa morte.
O Parlamento Galego acorda dirixirse ao goberno do Estado para solicitar que se leven a cabo todas as actuacións pertinentes para pór a disposición da xustiza aos responsables da morte de José Couso Permuy.
Compostela, 1 de abril de 2013