Xustiza para os bombeiros

 

A coordinadora de Esquerda Unida e viceportavoz de AGE, Yolanda Díaz, solicitou hoxe no Parlamento de Galicia a apertura dunha mesa de negociación para o cumprimento da Lei de Emerxencias de 2007 e que se elabore o estatuto de bombeiro profesional. Neste senso, Díaz reclamou á Xunta de Galicia que “dunha vez por todas actúe e trate de chegar a unha solución para acabar coa dramática situación na que se atopan os bombeiros do noso país”.

“Aínda hoxe hai unha Lei de Emerxencias de Galicia que, despois de case sete anos dende a súa aprobación, segue sen desenvolverse. Por tanto, estamos diante dun goberno rebelde, no sentido de que non quere cumprir partes substanciais da mesma, que que son moi necesarias”, sinalou.

Segundo Díaz, “se tivésemos unha norma que harmonizase ou normativizase as condicións de acceso a esta profesión”, obviamente, non existiría “ese entramado que teñen desenvolvido no noso país de distintas conivencias, tales como empresas que xestionan de maneira precaria e privatizada o servizo”, entre outras, e que “acaban por mandar a profesionais a facer funcións impropias (limpar cunetas, vixiar festas do pobo…), o que é unha grave irregularidade”.

En consecuencia, “este entramado acaba por precarizar un servizo fundamental”. É por isto precisamente polo que “pedimos tamén solicitan as Plataformas, como a de os Bombeiros Públicos de Galicia, e os sindicatos. Isto é que se abra unha mesa de negociación dos aspectos da norma que son incumpridos por parte da Xunta de Galicia”.

No pasado 15 de maio, os bombeiros galegos convocaron unha manifestación en Santiago co fin de denunciar a privatización do servizo e a precariedade que padecen desde hai anos onde estivo presente Yolanda Díaz, coordinadora nacional de Esquerda Unida, xunto con sindicatos, a Coordinadora Unitaria de Bombeiros Profesionais, a Plataforma Bombeiros Públicos de Galicia e o Sindicato Independente de Bombeiros de Galicia.

 

Relacionados