Xustiza para Takbar Haddi

Takbar Haddi comezou esta folga de fame polo asasinato do seu fillo Mohamed Lamin Haidala de 21 anos por agresión de colonos marroquís, co respaldo das autoridades de ocupación e a neglixencia médica intencionada. Despois da morte violenta do seu fillo, que aconteceu cando ela se atopaba en España, trasladouse ao Aaiún para coñecer os feitos de primeira man.

 

Ao ser consciente da magnitude da inxustiza que acabou coa vida do seu fillo, decidiu investigar e esclarecer os feitos ata as últimas consecuencias: dirixiuse ao Ministro de Xustiza e ao Procurador Xeral do Rei no Aaiún sen obter ningunha resposta, e logo volveu a escribir ao mesmo Procurador solicitando información sobre o destino das denuncias e reivindicacións. Por resposta non obtivo máis que o reforzo do asedio policial e os asaltos á casa da súa familia e as rúas que levan a ela, con agresións dentro da vivenda, torturas e destrución de bens. Todo isto por non dobregarse ante o diluvio de presións e ostentosos subornos (90.000 euros) a cambio de asinar o enterro do seu fillo en silencio e absterse de calquera demanda de autopsia e investigación.

Por todo isto, Esquerda Unida, súmase a esta acción que en Galicia vén da man de SOGAPS e cuxo obxectivo é difundir e dar visibilidade á loita dunha muller que reclama xustiza ante o asasinato do seu fillo.

En Galicia, concretamente en Compostela, Xabier Ron, membro da dirección de EU e deputado de AGE, acompañou durante a mañá ao activista e defensor dos dereitos humanos, Hassanna Aalia quen asumirá a folga de fame itinerante de 24 horas que percorrerá o estado en solidariedade con Takbar Haddi.

Esquerda Unida reitera o seu apoio á defensa dos dereitos do pobo saharaui ante a crecente represión exercida polo Reino de Marrocos e manifesta a necesidade de que a Misión de Nacións Unidas para o Referendo no Sahara Occidental (MINURSO) amplíe o mandato e as competencias para supervisar o respecto dos dereitos humanos no Sahara Occidental.

Relacionados