A Libraría Fiandón foi o escenario onde Esquerda Unida organizou este martes o coloquio que levaba por título “Rachemos coa fenda salarial”, impartido pola deputada de En Marea, Yolanda Díaz, e enmarcado nos actos que Esquerda Unida está a levar a cabo co tema central do feminismo e que forman parte da campaña “Co feminismo nos talóns: ¡Que non che conten películas!”.
“A fenda salarial é un factor que condensa a discriminación que sufrimos as mulleres traballadoras ao longo da nosa relación laboral”, explica a deputada Yolanda Díaz, por iso, “debemos asumir que temos un problema severo -que non está só no noso país- e que aínda hai sectores nos que é máis pronunciada e contamos cunha diferencia salarial do 34 ou do 35% entre homes e mulleres”, sinala a deputada. No que as pensións se refire, Yolanda Díaz apunta que a fenda salarial agudízase. “Ás veces, as mulleres somos excluídas ao acceso á xubilación, concretamente porque non damos acadado os requisitos que esixe a lexislación vixente, por diferentes factores, e temos unha fenda que supera o 38%”.
Fronte a isto, a deputada Yolanda Díaz explicou “a proposta vangardista da Lei de Igualdade Retributiva que o Grupo Confederal de Unidos Podemos-En Comú Podem-En Marea vén de presentar no Congreso e que se coloca como unha norma pioneira e avanzada que prohibe a desigualdade retributiva en tarefas de igual valor, coa fin de acabar coa desigualdade”. Para Díaz, “mentres haxa desigualdade retributiva, non hai democracia. Non se pode cobrar menos por tarefas de idéntica labor”, indica.
A Lei de Igualdade Retributiva tenta seguir a mesma liña doutras iniciativas lexislativas levadas a cabo en outros países europeos, tales como Reino Unido ou Suecia. Pese ao ordenamento xurídico que en España establece a obrigatoriedade da igualdade na remuneración salarial do traballo e no seu valor, a fenda salarial persiste baixo trampas de lagoas legais como a consideración de desigual valor entre certos traballos, ou a menor atribución de horas extra e de complementos como, por exemplo, o de esforzo físico (que ignoran dito esforzo en traballos como o de limpeza). A todo isto podemos engadir os datos do “traballo invisible” do cal, en palabras da propia Yolanda Díaz no Congreso dos Diputados, “o cómputo do traballo doméstico ten que aparecer no público, para que se vexa o traballo que diariamente están a facer as mulleres no noso país”.
Para Esquerda Unida, a ruptura coa brecha salarial faise, por tanto, unha medida urxente para a nosa sociedade e para a consecución dun Estado avanzado e verdadeiramente democrático, non un lugar onde as mulleres sexamos seres humanos de segunda.
O seguinte acto central do programa “Co feminismo nos talóns: ¡Que non che conten películas!” estará a cargo da nosa coordinadora nacional, Eva Solla, celebrarase o 13 de marzo en Ourense e tratará o tema da prostitución como estratexia do capitalismo. A seguinte e última charla será impartida pola senadora de En Marea, Vanessa Angustia, tratará a idea actual do amor romántico e será o día 22 de marzo en Compostela.