Esta mañá, Yolanda Díaz, coordinadora de Esquerda Unida e deputada de En Marea no Congreso, xunto a Eva Solla, membro da dirección de Esquerda Unida e vicepresidenta segunda do Parlamento de Galicia por En Marea, denunciaron en Compostela que o día contra a Violencia Machista, que se conmemora o 25-N, é un bo momento para lembrar que as lexislar por si só non basta. Ningunha lei ou normativa será suficiente se non vai acompañada dunha vontade para levala a cabo e mellorala.
“As cifras de asasinadas, de mortas, de denuncias e mesmo de violacións no Estado español, que son de unha cada oito horas, mostra que a pesares das ferramentas teóricas e legais que temos non se están a tomar medidas que representen de forma definitiva a igualdade real entre mulleres e homes”, explica Eva Solla ao inicio da rolda.
“Na pasada lexislatura, falouse no Parlamento de Galicia moito respecto a Lei 11/2007, Lei Galega para a Protección e Tratamento Integral da Violencia de Xénero. Tamén tivemos unha Comisión de Estudio sobre Violencia de Xénero que desgraciadamente rematou sen un ditame, é dicir, houbo comparecencias moi interesantes, pero este final xa indicou o desinterese xeral da propia administración sobre este asunto. A maior parte dos colectivos profesionais e sociais que compareceron denunciaban o incumprimento sistemático da propia Lei. Isto quere dicir que temos unha realidade preocupante na que as mulleres seguimos sufrindo a pobreza dunha maneira máis acusada, unha fenda salarial que é inaceptable e unha ausencia de medidas reais que sirvan para poñerlle fin a esta problemática”, relata.
“A fenda salarial en Galicia fai que as mulleres cobremos unha media de 320 euros menos ao mes que os compañeiros varóns. De todos os xeitos, entendemos que este día de loita contra a Violencia Machista ten que servir para falar da violencia que se exerce cando as institucións non traballan e non pulan por unha igualdade real e, nese sentido, reclamamos o propio cumprimento das leis das que nos dotamos dende fai anos. A administración incumpre a formación dos propios profesionais que atenden ás mulleres, polo que vemos que non hai unha aposta de camiño ata a igualdade real”, incide.
Pola súa banda, Yolanda Díaz falou do que se está a facer no conxunto do Estado. “Certamente estamos amosando, tamén dende Izquierda Unida, moitísima preocupación polo que está a pasar na nova configuración do Ministerio, polas persoas que se están nomeando pola propia ministra de Igualdade, Dolors Montserrat, persoas vencelladas ao Opus Dei e que van tratar temas tan sensibles, que teñen que ver coa igualdade. Estas persoas teñen unha concepción do mundo que non é que non permitan axudar a camiñar, senón que pode facer que retrocedamos”, di.
Para a coordinadora de Esquerda Unida, “estamos sendo asasinadas e violentadas en todos os sentidos, non por unha pandemia, senón por unhas políticas que practica o PP, tanto en Galicia como no Estado, que non axudan a mellorar a situación da condición de vida das mulleres. O vimos, por exemplo, na última Comisión que tivemos no Congreso, onde o PP volveu votar en contra de medidas técnicas para paliar a violencia económica que as mulleres sufrimos no conxunto do país. Por iso o PP é un partido do NON ás Mulleres e NON á igualdade, é un partido que deixa consolidar a desigualdade entre as mulleres e homes. Nós cremos que é o momento de revisar a Lei de Igualdade do Estado, que se publicou en 2004 e que agora mesmo debe ser mellorada, polo que precisa de recursos (orzamentos) e de medios para facelo posible”, remata.