Yolanda Díaz esixe no pleno a paralización absoluta do ERE de Alcoa e que se defenda ao persoal

A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, preguntou este mércores no pleno á ministra de Industria, Reyes Maroto, pola situación de Alcoa e pediu a paralización absoluta do ERE.

“Pedimos ao Goberno que defendan aos traballadores de Alcoa e ás súas familias. Asturias e Galicia están en pé, non piden boas palabras, piden que exerzan como Goberno progresista que lle pranten cara a unha multinacional. Basta xa de empresas que deixan tiradas ás nosas comarcas”, asegurou Díaz no pleno.

A deputada explicou que “durante décadas tivemos unha política industrial nula porque a liña foi unha renuncia á política industrial propia, claudicación ante multinacionais e abandono aos traballadores”. Ante esta situación, a deputada insistiu en esixir “o levantamento do ERE aos traballadores porque, mentres se negocia, non pode haber ERE”.

Ademais, Díaz insistiu en que Alcoa “actúa como monopolio e a Constitución permite intervir na empresa cando se producen este tipo de comportamentos”. “En Marea quere que actuemos con todas as nosas armas para enfrontarnos ás multinacionais e fagamos unha política industrial para o noso pobo”. A deputada rematou a súa intervención mirando para os traballadores, que se atopaban na tribuna e dicindo: “Alcoa non se pecha”.

Ver a intervención en:

Relacionados