Yolanda Díaz: “Estes orzamentos son números de fantasía e unha estratexia de salvación dunha política fracasada”

Respecto aos Orzamentos Xerais da Xunta para 2016, dados a coñecer esta mañá, Yolanda Díaz, coordinadora nacional de Esquerda Unida e deputada de AGE, ten moi claro que “o pretendido aumento do gasto social no orzamento é tan real como a vintena de barcos que se ían facer hai tres anos nos estaleiros galegos”.

Neste senso, Díaz insiste en que fronte ao triunfalismo do que fai gala o Núñez Feijóo, as contas públicas garanten máis débeda, uns investimentos reais menores e, de novo, o mantemento da desprotección social de amplos sectores da cidadanía. “Con estes números de fantasía, Feijóo fai unha emenda á totalidade da súa práctica orzamentaria destes anos, xa que presenta uns orzamentos levemente expansivos nun intento de mudar unha política fracasada. Estamos ante un goberno que tenta salvarse cunhas contas electoralistas”, di.

Neste punto, “haberá que ver a capacidade de Feijóo para facer fronte a un aumento do gasto do 4,5% coa redución de ingresos fiscais que se propón”. Segundo explica Yolanda Díaz, “Galicia é a campioa da débeda (chegaremos a 10.615 millóns de euros), que continúa a aumentar, cun servizo da débeda que se come 1.598 millóns de euros (un 5,5% máis, con 216 millóns novos de débeda). Sen contar que temos debaixo da alfombra das privatizacións baixo o réxime das denominadas colaboracións público-privadas, outros 3.054 millóns de euros de débeda. Os investimentos son raquíticos, e crecen en só 77 millóns no capítulo VI dos investimentos reais”, completa.

Díaz advertiu dos recortes en educación, tal e como se desprende do comezo deste curso escolar con máis peches de escolas, menos profesorado, e novos atrancos na atención á diversidade educativa. “O Goberno, sen embargo, segue a optar por medidas electoralistas do cheques Bebé, por exemplo”, recorda.

En materia de emprego, “nun país con 252.500 persoas na EPA do 2º trimestre e cun moi alto paro de longa duración a partida, que crece en 16,8 millóns, é francamente ridícula”, critica. Díaz recorda tamén que “os traballadores e traballadoras públicos están a esperar a derrogación completa da lei 1/2012, que lles deixa sen importantes dereitos laborais”.

Respecto á dependencia, “o novo conselleiro non sabe botar ben as contas porque só se contempla atender a 10.000 novos dependentes, cando só de grado I hai 15.000 novas persoas con dereitos e xa acumulabamos con anterioridade máis de doce mil persoas sen atender. E todo isto, sen coñecer a conta xeral dos orzamentos do 2014 e o grao de execución real dos orzamentos do 2015”, apunta.

En definitiva, “destes orzamentos despéndese unha fiscalidade regresiva e vantaxes para as persoas adiñeiradas: rebaixas xeralizadas no tramo da tarifa autonómica do IRPF, que afectará practicamente nada aos que o necesitan e bastante aos que non o precisan. En definitiva, é o Principio de Mateo, darlle máis aos que máis teñen”. E unha fiscalidade regresiva é o que non precisa a sociedade galega, senón máis ben dispor de todos os recursos económicos para incrementar a súa base fiscal, así como achegar investimentos para saír da crise.

Por último, Díaz resalta que “continúa a demolición do imposto sobre doazóns e sucesións polo que as arcas públicas perderan case 40 millóns; 2,5 veces os incrementos en políticas de emprego”, remata.

Relacionados