A deputada de En Marea, Yolanda Díaz, vén de intervir no Pleno do Congreso para defender a iniciativa do Grupo Confederal sobre a protección ao desemprego. “As persoas desempregadas foron as máis castigadas pola crise. Cando máis precisaban protección, máis recortaba o Goberno as prestacións por desemprego, é dicir: o Goberno deixounos tirados mentras saqueaban ao pobo”, dixo.
Segundo explicou Díaz, a historia do noso país é “unha historia dos recortes”. “O que deixaron de gastar en materia de desemprego superou os 48.000 millóns de euros, o que costou o rescate á banca do noso país. O rescate á banca pagárono as persoas desempregadas. Non é decente”, sinala.
Doutra banda, a deputada apuntou que “a historia da protección ao desemprego non é bonita. O marco lexislativo nunca foi modificado. Non é un agasallo, é un dereito da xente, xa que as traballadoras e traballadores cotizamos para ter dereito ao desemprego.
“O sistema de protección social quedou vello, estaba pensando para un mercado laboral con contratos de traballo estables. Pero esta non é a realidade, temos traballadoras pobres, algo que non se tiña coñecido ata o de agora, temos traballadoras que se teñen que acoller a contratos a tempo parcial. Temos precariedade e temporalidade, polo que esta Lei ten máis urxencia que nunca”, rematou.
Eixos principais desta Proposición de Lei de Protección ao Desemprego:
1º RECUPERAR DEREITOS:
Subsidio de desemprego para maiores de 55 anos: rebaixase a idade, para volver aos 52 anos
2º AUMENTAR PRESTACIÓNS POR DESEMPREGO:
Elévase a contía de la prestación de desempleo: 70% da base reguladora durante toda a prestación.
3º DEREITOS GARANTIDOS:
Ampliamos a protección por desemprego ao traballo no fogar familiar, fixos discontinuos e eventuais agrarios por conta allea
4º AS MULLERES NO CENTRO:
Modificamos a prestación de desemprego nos contratos a tempo parcial que afectan principalmente ás mulleres
5º MOCIDADE:
As persoas menores de 30 anos terán dereito á prestación a partir de 180 días cotizados
6º CONDICIÓNS DE VIDA DIGNA:
Elévase o subsidio de desemprego de 430€ euros a 538€ ou 683€ con cargas familiares
7º SEN PRAZOS DE ESPERA:
Suprímese o prazo de espera dun mes para percibir o subsidio asistencial.