Yolanda Díaz: “Só hai dúas alternativas, a Gran Coalición ou un goberno progresista”

A #RutaEnMarea chegou hoxe a Ferrol, cun Teatro Jofre ateigado de xente para escoitar as intervencións do cabeza de lista pola Coruña, Antón Gómez-Reino, da n.2 Yolanda Díaz, da eurodeputada Marina Albiol, do vicevoceiro de AGE no Parlamento Galego, Antón Sánchez e do alcalde de Ferrol, Jorge Suárez. A presentación correu a cargo de Begoña Hermida.

O n.1 ao Congreso pola provincia da Coruña, ANTÓN GÓMEZ-REINO, pediulles aos asistentes “que volvamos a facer historia como fixemos no 20D. É un pracer estar coa xente que está facendo desta cidade unha cidade aberta á participación, unha referencia cultural, un espazo de colaboración e en remunicipalización, devolvéndolle á xente o que nunca lle deberon de quitar. Hai meses tivemos un resultado histórico pero tivemos que ir a por moito máis. O relevante é que o que fixemos neste país nas municipais e no 20-D agora volveremos facelo no Estado, coa posibilidade de que un resultado histórico constrúa unha maioría de cambio participada por cidadanía galega no Estado español. Hoxe Pedro Sánchez veu contarnos a Pontevedra que a papeleira de ENCE segue na ría de Pontevedar por culpa de Mariano. E eu creo que hai que dicirlle alto e claro: deixade de mentir, apoiade as propostas que presentou En Marea contra a celulosa, facilitade como non fixeron hai dúas semanas, que na Deputación Permanente se discuta sobre Reganosa, non vos aliñedes con Ciudadanos e co PP e facilitade que entre todos e todas construamos unha maioría de cambio. Esta cidade ten unha historia de loita obreira e no caso de que non consigamos que En Marea, que En Comú Podem e que Unidos Podemos non teñamos maioría absoluta o PSOE abra unha consulta aos seus militantes a quen queren apoiar para formar goberno. E ao PP ímoslle dicir que o tempo da austeridade e do medo rematou. E pasou o tempo do plasma e de Rajoy e do narcopresidente Feijóo. E aos que nos acusan de falar de sillóns dirémoslles que esa é a súa preocupación e imos a polo Goberno do Estado e polo Goberno da Xunta. Despois de ver seis meses de bloqueo político e institucional temos claro que só hai dúas posibilidades: ou o bloque conservador ou o goberno de cambio. Afrontamos un momento histórico que chegará ao seu clímax o 26X. Non deixemos escapar un voto. Non só decidimos quen vai gobernar os próximos catro anos. Xogámonos a sociedade que queremos construír entre todos e todas para os próximos 15-20 anos. TEmos que conseguir o terceiro deputado pola Coruña e por Pontevedra para lograr un goberno para as maiorías. Hai unha Marea de dignidade e confluencia, de xente e cidadanía, unha marea de democracia real, e sobre todo, hai unha marea de ilusión e de esperanza”.

YOLANDA DÍAZ destacou a relación entre a cidade de Ferrol e as decisións políticas que se toman en Madrid.”Sabemos que se hai unha cidade que precisa da loita no Estado esa é Ferrol, se hai unha cidade que ten dependencia das decisións que se toman nas Cortes Xerais ou na Moncloa é Ferrol. E iso aprendémolo estes meses defendendo a nosa cidade. E estou feliz porque estamos co noso amigo o alcalde de Ferrol que é diariamente o que nos axudou a defender esta cidade con todas as iniciativas que presentamos. Pero tamén Antón Sánchez no Parlamento Galego. E quedádevos coa cara de Marina Albiol, porque é unha desas mulleres que lle vai dar a volta a esta sociedade. Chus Pato ten uns versos moi bonitos que din que nacer é unha república de árbore. Eu creo que iso é o que nos xogamos nestas eleccións, unha res pública de árbores, un novo modelo de cidadanía. Que o goberno do pobo chegue á Moncloa. E un novo xeito de facer as cousas que ten que ver cunha nova orde social. A xente apoia En Marea porque nos din que están abafadas de corrupción, de que nos saqueen e de que as nosas fillas e fillos vaian vivir moito peor ca nós. Agora o medo mudou de bado e chegou o tempo da xente. Din as enquisas que adiantamos o PSOE pero nós saimos a derrotar o PP, dicirlles que xuntas podemos. Levan 30 anos gobernando para os que non se presentan ás eleccións, as grandes multinacionais e dirixindo as accións contra a xente do pobo. Por iso estas non son unhas eleccións máis. Hai dúas alternativas: a gran coalición ou un goberno progresista, o goberno da corrpución ou un goberno do pobo. é o que nos xogamos nas próximas eleccións. Estamos disputando a democracia. Derrogaremos as dúas reformas laborais (a do PP e a do PSOE) e crearemos un novo marco laboral. TEmos 5,7 millóns de asalariados que gañan por debaixo do SMI, son radicalmente pobres polo que a nosa primeira medida será crear emprego e subir o Salario Minimo para igualalo á media europea e reducir a xornada laboral a 35 horas semanais. Queremos derrogar a reforma das pensións e subilas adecuandoas ao IPC. No marco laboral cambiaremos a realidade de terrorismo laboral que están vivindo os traballadores e traballadoras do país, con máis de 500 mortos e mortas nos seus postos de traballo. Non é decente morrer por gañar a vida. E para iso necesitamos ter ingresos, mudar a realidade tributaria para que os que máis teñan máis tributen. nON é decente que Amancio Ortega tribute ao 1%. TEmos propostas e saimos a gañar. Porque se non o facemos poñemos en risco as nosas propias vidas. A nosa prioridade será defender as persoas que non teñen cobertura social. A estafa é que o  rescate á banca no noso Estado pagárono os desempregados do noso país, custou 41.300 millóns de euros e os recortes ás prestacións de euros foi exactamente esa cantidade. Por aí non tragamos. Temos decencia para mirarlle cara a cara ao PP e aos que non se presentan ás eleccións.Dicímoslle a Feijóo que se tome en serio esta comarca. Pídovos un pequeno esforzo: estamos nunha segunda volta pero temos que saír a todos os barrios da cidade para non perder un só voto. Temos que gañar. Imos a gañar. Hai Marea!”.

A eurodeputada MARINA ALBIOL deu inicio cunha referencia a Galeano e aos seus “nadies”: “Neses ninguéns está tratando de converter Europa a todas as persoas que foxen das bombas, do terror e da miseria. Son políticas criminais e hai que lembrar que son países europeos xunto a a EEUU os responsables de que estas persoas teñan que fuxir, invadindo Iráq, Afganistán, bombardeando  Libia ou financiando a guerra en Siria. Asinouse un acordo con Turquía cruel e ilegal. A  mesma UE que impón austeridade aos pobos mentres unha elite se segue enriquecendo. Tivemos uns gobernos absolutamente sumisos con Europa. Primeiro o PSOE e logo o PP. E agora Rajoy tamén está revelando o seu programa oculto, enviandolle unha carta a Junker prometéndolle que se segue gobernando continuaría coas mesmas políticas de recortes. Nós temos claro que o noso pobo non pode soportar máis recortes e que o que necesitamos é xustamente o contrario, unha reforma fiscal para ter unha fiscalidade progresiva. Porque as pequenas empresas pagan o 17% mentres as grandes só o 5%. Necesitamos a partir de xuño un goberno que plante cara en Europa, que sexa insubmiso ás políticas inxustas e que goberne obedecendo ao pobo e non aos bancos. E temos que parar o TTIP, o soño das grandes multinacionais e un furacán que levará por diante os nosos dereitos. Levamos moitos anos nos que roubaron os nosos dereitos, e chegou o momento de ter un goberno para as maiorías.”

ANTÓN SÁNCHEZ comezou enviando unha mensaxe de recoñecemento a Ferrol en Común “e a toda a xente que fixo que chegase ao goberno, contra a dereita rancia. Se algún lugar precisa dun lugar de unidade popular é Ferrol, simbolo da resistencia obreira e da loita pola soberanía para mellorar a vida dos nosos concidadáns”. E enviolle unha mensaxe a Mariano Rajoy, futuro conde de Reganosa polos servizos prestados. “Sé forte, vas necesitar esa forza porque desta non te vai salvar nin Naranjito e terás todo o tempo do mundo para ler o Marca.

É urxente rematar coa corrupción da Pokemon, da Pikachu, da Gurtel… pero a máis grave corrupción é empregar institucións públicas para atacar o pobo, facendo reformas fiscais que oprimen os de abaixo, os gobernos que rescatan os bancos pero non a xente que non pode pagar a calefacción. Con iso imos rematar. Porque imos gañar. En Marea non está aquí para disputar a segunda praza. E a mellor enquisa para sabelo son os ataques que nos fan os corruptos que levan anos saqueando este país. O seu pánico a En Marea significa que lle imos retirar todos os privilexios porque non temos ningunha atadura con bancos nin con grandes empresas. Ímolos barrer porque un día apostamos pola unidade popular e a confluencia. Imos en outono gañar o goberno da Xunta. Pero aí non acaba a nosa misión, que é transformar a sociedade.

O alcalde de Ferrol JORGE SUÁREZ amosou o seu apoio incondicional a En Marea:“ O cambio real está aquí, en cada un de vós. Ningún tedes contas en Panamá nin vides coma Feijóo fixo onte a sementar o medo contra a comunismo. Eu neste ano non comín ningun neno nin queimei ningunha igrexa. E a súa mensaxe máis importante do día é que se interesou polo prezo dun par de calcetíns. O partido da corrupción aplastamento das clases, populares, con menos dereitos e máis traballo escravo, máis para os ricos e menos para os pobres. iso é o que non anuncian e o que denuncia En Marea. Os nosos candidatos e candidatas demostraron estes meses que hai outro modelo posible, baseado na xustiza social, o respecto, a distribución da riqueza e todo sen caer nas garras dos corruptores. En Ferrol foi un ano complicado, igual que en Compostela e na Coruña, cun marco lexislativo que nos impediron desenvolver o noso proxecto político. Por iso temos todas as esperanzas postas nesta xente que loite contra os Florentinos e os chinos anónimos que compran Urbaser e que van xestionar o lixo de Ferrol. Nós, pola contra, cremos na función pública para desenvolver os proxectos de cidade, servindo máis eficientemente á cidadanía e con humildade e honestidade traballar para todos vós.

Relacionados