Eva Solla presenta o acto de EU e o PCG “Siria en perspectiva”, que terá lugar en Vigo e abordará o conflito do país da man de expertos académicos e políticos

Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, vén de presentar esta mañá en rolda de prensa, na sede de Esquerda Unida Vigo, o acto “Siria en perspectiva”, que terá lugar este venres 27 de abril ás 19,30 horas na Casa do Libro, en Vigo. Segundo explica Eva Solla, “a conferencia abordará a situación do país dentro do contexto de Oriente Medio”, e o fará da man de “expertos académicos e políticos, que falarán dun conflito que ten cobrado xa moitas vidas humanas”.

Este acto contará coa presenza de Pablo Sapag, xornalista e profesor da Universidade Complutense de Madrid, que é experto en propaganda de guerra e estudios árabes, e nos presentará o seu libro de ‘Siria en Perspectiva’. “Sapag fará un percorrido sobre a situación previa inicial ao conflito, ás orixes da multiconfesionaliedade do sistema político do país, dos procesos e ataques de inxerencia interna, así como a dimensión militar e propaganda anti réxime que se está a dar”, expón a coordinadora, que tamén conducirá o acto deste venres.

“Na charla tamén nos acompañará Javier Couso, eurodeputado de IU e vicepresidente da Comisión de Asuntos exteriores do Parlamento Europeo, que dará a visión de Izquierda Unida, defendendo a Paz e os procesos de non inxerencia, ao contrario do que vimos hai unha semana, cando EE.UU., Reino Unido e Francia volveron atacar e bombardear Siria”. Segundo Eva Solla, omodus operandi foi moi similar que outras veces, “mediante xustificacións vagas e non probadas, ao igual que aconteceu na Guerra de Irak ou Libia, -onde tanto o PCE como IU situámonos en contra da guerra-, xa que a única maneira de acadar a paz é dende o diálogo, como recoñecen as Nacións Unidas na súa Resolución do ano 2015.

Por todo isto, dende Esquerda Unida cremos que é importante arroxar luz no  conflito de Siria, que volve a ser noticia polo ataque e inxerencia de países como EE.UU. e que chega á opinión pública dende unha óptica sesgada, polo que é fundamental reflexionar sobre como deberíamos camiñar para buscar unha solución.

Relacionados