O PP pretende xustificar a corrupción

“A corrupción, os subornos e o enchufismo aparecen como métodos xeralizados na política galega entre os partidos do réxime”, expón o deputado de AGE Antón Sánchez, “e a apertura do sumario da Pokemon só vén confirmar o que moitas cidadás e cidadáns observabamos en moitos concellos: se es amigo do goberno municipal, terás traballo”. “Agora”, engade, “nunha mostra máis de indecencia política, o PP pretende xustificar o inxustificábel, as redes corruptas das que se aproveitaban os seus membros para se enriquecer e manter a hexemonía”. Todo nun contexto en que a progresiva privatización dos servizos públicos –encetada hai anos e acelerada nos últimos tempos- é campo aboado para esta caste de accións ilexítimas e, decote, ilegais. Para a corrupción que infecta as institucións deste país.

O modo de operar revelado polo caso Pokemon repítese nos diferentes concellos implicados. Responsábeis políticos favorecen empresas concretas nas concesións de obras e servizos e estas responden con agasallos, prebendas e enchufes. “O PP quere agora apoiar estas inaceptábeis actitudes, tal e como fixo o presidente da Deputación da Coruña, Diego Calvo, hai unha semana, logo de que se soubese dos seus movementos para enchufar coñecidos”, afirma Antón Sánchez. Vén de se saber pola prensa, ademais, que o propio Calvo ingresou case cinco mil euros de dietas como conselleiro do porto ferrolán por xuntanzas ás que non asistiu. Asegura que as devolveu.

Pero non son as de Calvo as únicas declaracións públicas de dirixentes da dereita extrema encarnada no PP que van na liña de xustificar actuacións claramente ilegais e, dende logo, ilexítimas dende calquera punto de vista democrático. O tenente de alcalde da Coruña, Julio Flores, tamén do PP, admitiu que pediu recomendacións e arguméntao con afirmacións impresentábeis como estas: “Que podemos hablar que eso debe terminar, seguramente, En mi caso no volveré hacerlo, lo dudo mucho que vuelva hacerlo. Queremos políticos que estén a cinco metros del suelo y que no tengan la más mínima mota de polvo, eso es complicado”.

Para o parlamentario de Alternativa, as declaracións de flores son “indignantes, por intentar xustificar a corrupción xeral no réxime. Nin por riba, nin por baixo de nada, os responsábeis políticos deben ter unha actitude honrada, decente e exemplar”. O grupo parlamentario de Alternativa Galega de Esquerda esixe a dimisión dos imputados neste proceso. “Non se trata de agardar ou non ás conclusións xudiciais, senón de asumir responsabilidades políticas e iniciar a rexeneración democrática, comandada pola sociedade civil, que lle cómpre a este réxime podre”, conclúe Antón Sánchez, “calquera outra saída significa consolidar maneiras mafiosas de gobernar”.

Relacionados