AGE levou a comisión parlamentar unha proposición non de lei na que se instaba ao goberno galego a presentar un recurso de inconstitucionalidade polo baleirado competencial que provoca a Lei 24/2013, do 26 de decembro, do sector eléctrico e que contou co voto en contra do grupo do PPdeG.
O deputado de AGE, Antón Sánchez, afirmou que a aprobación desta nova lei supón un “importante retroceso para a capacidade do noso país á hora de elaborar unha política enerxética propia xa que se impoñen unha serie de medidas recentralizadoras”.
Os prezos voluntarios para o pequeno consumidor, tarifas de último recurso e bono social, así coma as peaxes de acceso serán únicos en todo o territorio español.
E os Plans plurianuais de inversión que coa anterior lei eran aprobados polas CC.AA. coa nova lei será o Goberno do Estado quen os aprobe.
Ditos plans aos que están obrigadas a presentar as empresas de distribución eléctricas, constan das obras previstas para atender o incremento da demanda e a garantía da calidade do suministro, e preveén inversións millonarias cuantificando cantidades, características e prazos de execución das obras, sendo un instrumento trascendental na planificación das inversións.
O deputado Antón Sánchez asegura que atopámonos diante dun baleirado competencial nun sector económico clave para Galicia e nun servizo público básico para a nosa cidadanía que se lle furta ao noso país.
O goberno do señor Feijoo, a pesar das reclamacións do sector das renováveis non tivo unha acttude contundente contra as reiteradas normas lexislativas que perxudicaban ao sector das renováveis en Galicia,e segundo o observado hoxe na Comisión de Industria, co voto contrario do PPdG a ésta iniciativa de AGE, seguirá polo camiño da renuncia a facer unha política en clave galega e en clave do interés xeral dos galegos e galegas.
Ante o forte impacto negativo que ten esta nova lei no noso país, un goberno galego está na obriga de exercer as capacidades políticas que recoñece o Estatuto de Autonomía e interpoñer o recurso de inconstitucionalidade en defensa das nosas competencias tal e como xa fixeron outras comunidades autónomas gobernadas tamén polo Partido Popular, mentres en Galicia o goberno de Alberto Núñez Feijóo prefire continuar co servilismo e submisión ao que mande o goberno do Estado.