Esquerda Unida ratifica o seu posicionamento abolicionista que sitúa a prostitución como unha forma de violencia machista extrema.

Esquerda Unida ratifica o seu posicionamento abolicionista que sitúa a prostitución como unha forma de violencia machista extrema.

 

Esquerda Unida denuncia o papel de certos medios de comunicación que ao empregar termos como “traballadoras sexuais” ou ao presentar estas situacións de forma neutral, contribúen a invisibilizar a violencia e a explotación que hai detrás.

Compostela, 25-04-2026. A recente operación policial en Vigo, na que foi desartellado un clan familiar que explotaba a varias mulleres volve poñer enriba da mesa unha realidade que moitas veces se intenta maquillar desde determinados discursos mediáticos. Non estamos ante “traballadoras sexuais”, senón ante mulleres explotadas, moitas delas en situación de extrema vulnerabilidade, sometidas a dinámicas de control, coacción e violencia.

No mundo estímase que máis de 40 millóns de persoas son vítimas de explotación sexual, das cales o 80% son mulleres e nenas menores de 25 anos, procedentes dos grupos máis vulnerables da sociedade, especialmente mulleres migrantes en situación administrativa irregular. Estes datos evidencian que a prostitución non pode desvincularse das desigualdades estruturais nin da violencia machista.

A trata de mulleres e nenas é o recurso que utilizan mafias e proxenetas para abastecer o crecente mercado da prostitución, un mercado que se sostén por unha demanda que non deixa de medrar: a dos homes prostituidores. Sen demanda non hai prostitución, e sen prostitución non hai trata. Os chamados “clientes” son, polo tanto, cómplices desta forma extrema de violencia.

Desde Esquerda Unida queremos denunciar tamén o papel de certos medios de comunicación que, ao empregar termos como “traballadoras sexuais” ou ao presentar estas situacións de forma neutral, contribúen a invisibilizar a violencia e a explotación que hai detrás. A linguaxe non é inocente: nomear estas mulleres como o que son, vítimas de explotación, é fundamental para comprender a gravidade do problema.

Esquerda Unida rexeita calquera intento de regular e lexitimar a prostitución e aposta por políticas públicas que poñan o foco na protección das vítimas, na persecución das redes de trata e na erradicación da demanda.

A abolición da prostitución é unha cuestión de dereitos humanos, dignidade e xustiza social.

Relacionados