Esquerda Unida impulsa unha campaña en Galicia para blindar a prórroga dos alugueiros.
Esquerda Unida tamén presentará mocións nos concellos do país instando a apoiar explicitamente a Real Decreto-lei 8/2026 recoñecendo o seu carácter urxente e necesario para protexer os fogares nun contexto de crise económica e especulación inmobiliaria.
Compostela, 29 de marzo do 2026. O pasado 20 de marzo, grazas a presión dos Ministros e Ministras de Sumar, aprobouse o Real Decreto-lei 8-2026, que contén a prorroga extraordinaria de contratos de arrendamento de vivenda habitual, ao que se poderán acoller aqueles arrendadores con contratos cuxa finalización sexa antes do 31 de decembro do 2027.
Nos últimos anos, o encarecemento do alugueiro foi constante e desproporcionado, convertendo o acceso a unha vivenda digna nun problema estrutural. “En Galicia, esta realidade agrávase pola falta de actuación decidida por parte da Xunta, que continúa sen aplicar ferramentas clave como a declaración de zonas tensionadas, fundamentais para conter os prezos” afirma Lino Costas, coordinador nacional de Esquerda Unida.
Neste contexto, Costas sinala que a prórroga extraordinaria aprobada polo Goberno do Estado “constitúe unha medida imprescindible para garantir estabilidade e protección inmediata ás persoas inquilinas, evitando subidas abusivas e desprazamentos forzosos”. Ademais, subliña que “case tres millóns de fogares no conxunto do Estado e arredor de 132.000 en Galicia non terán que enfrontarse ás fortes subas dos alugueiros que se prevén”.
En consonancia, dende Esquerda Unida “consideramos fundamental a súa convalidación no Congreso dos Deputados nas próximas semanas. Está en xogo o dereito á vivenda de milleiros de familias galegas e a capacidade das institucións de dar resposta a unha emerxencia social de primeira orde” matiza Lino Costas.
Ante o proceso de validación parlamentaria, o coordinador nacional advirte de que “os grupos da dereita van opoñerse á súa convalidación e o PSOE non vai facer o necesario para defendelo”.
Neste sentido, desde Esquerda Unida estase a desenvolver unha campaña con dous obxectivos: “por unha banda, dar a coñecer a situación e xerar unha opinión pública que pule pola aprobación do decreto; e, pola outra, informar ás persoas que poidan verse afectadas pola finalización dos seus alugueiros para que, se así o deciden, rexistren a solicitude de prórroga mentres a norma estea en vigor, garantindo así a posibilidade de acollerse a ela mesmo no caso de que finalmente non sexa convalidada” conclúe Lino Costas.







