EU denuncia que as políticas do PP provocan a emigración forzosa de miles de galegas e galegos cada ano

Segundo os datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), Galicia segue a ser líder en emigración: ao finalizar 2016, 511.830 persoas residían no exterior, 8.000 máis que o ano anterior. Tan solo neste 2016 uns 18.000 galegos e galegas tiveron que marchar. Aínda que a Xunta negue que é por motivos económicos, a saída do mercado laboral pola falta de oportunidades no país está intimamente ligada á emigración.

“A xente quere traballar e non emigrar”, afirma Yolanda Díaz, coordinadora de Esquerda Unida e deputada de En Marea. “A hipocrisía de Feijóo, que lle permite dicir que a crise que lle veu ben a España cando en Galicia hai 30.000 fogares galegos no que non entra ningún ingreso é inaceptable, polo que urxe acometer medidas que promovan un tecido económico forte e sustentable para que os mozos e mozas podan levar a cabo un proxecto vital na nosa terra”.

“Aínda que o PP non o queira ver, é evidente que, en Galicia, seguimos a padecer problemas como, por exemplo, un mercado laboral no que a precariedade, os baixos salarios, as xornadas laborais eternas que impiden a conciliación, así como a fenda salarial que afecta ás mulleres, seguen a orde do día, reforzando uns motivos que levan a emigrar para buscar mellores condicións de vida”, explica.

Mentres uns se enriquecen, a maioría social ten moito polo que loitar. É por iso que dende Esquerda Unida lamentamos que o Goberno negue unha e outra vez esta nefasta realidade, xa que se non recoñece esta problemática continuará sen acometer políticas económicas e sociais como as que vimos demandando dende Esquerda Unida para paliar esta situación. Entre estas medidas, vemos preciso garantir á xuventude de acceso á vivenda e traballo, así como levar a cabo un plan industrial e enerxético que defenda e promova un tecido produtivo que garanta os dereitos laborais e que se tome en serio o futuro do noso país, ofrecendo oportunidades ás mozas e mozos para que poidan retornar e traballar aquí dignamente.

Relacionados