Esquerda Unida anima o alumnado galego a que non se matricule na materia de Relixión no vindeiro curso escolar

Perante a inminente apertura do prazo de matrícula para o vindeiro curso escolar 2017-18 nas etapas de Infantil e Primaria, e posteriormente da Educación Secundaria, a área de Educación de Esquerda Unida inicia esta semana unha campaña informativa na que anima ao alumnado galego a non matricularse na materia de Relixión, optando pola opción de: “Valores Sociais e Cívicos”.

Deste modo, Esquerda Unida reitera así a súa aposta por unha educación de carácter científico e laico na que a educación relixiosa (pertencente ao ámbito privado de cada persoa) sexa excluída do ámbito escolar. Debido a que as distintas lexislacións educativas non foron quen de adoptar esta medida progresista -moito menos o ía facer a LOMCE-, dende Esquerda Unida animamos ao alumnado a non cursar esta materia.

De cara ao vindeiro curso escolar, Esquerda Unida considera especialmente preocupante o feito de que a través do Decreto 86/2015, polo que se establece o currículo de ESO e Bacharelato en Galicia, a Xunta estableza a Relixión Católica como materia chave (xa que é a única das específicas con só unha hora lectiva) de cara a que o alumnado poida configurar unha selección de materias optativas ao seu gusto, cumprindo co requisito legal de seis horas lectivas semanais en primeiro de bacharelato e oito en segundo. En resumo: a Xunta forza aos nosos fillos e fillas para que escollan a materia de Relixión para acceder a determinadas opcións de bacharelato.

Por todo isto, Esquerda Unida rexeita, e mesmo e cualifica como “unha regresión”, o feito de que a LOMCE incorpore a Relixión como materia avaliable na configuración da nota media do alumnado de bacharelato. Por último, Esquerda Unida considera “chamativo” que o Goberno, dentro do escenario de feroces recortes dos últimos anos, teña mantido os orzamentos anuais para a materia de Relixión, cuxa demanda ten diminuído un 40% nos últimos 10 anos.

Relacionados