Esquerda Unida súmase e fai un chamamento a participar nas diferentes mobilizacións que terán lugar mañá 17 de maio, convocadas pola plataforma Queremos Galego, “unha chamada a prol do galego e que ten que persistir os 365 días do ano”, aprecia a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla.
Solla lembra que, segundo os datos do Instituto Galego de Estatística (IGE) e a Real Academia Galega, “Galicia perde falantes de galego a un ritmo moi acelerado e de maneira alarmante, concretamente no caso dos nenos e das nenas. Tan só nos últimos dez anos perdéronse un 10% de persoas que usan o galego de maneira preferente, como lingua vehicular”.
Para Solla, estes dramáticos datos relativos á perda de falantes son consecuencia das políticas lingüicidas do PP. “Cabe preguntarlle a Sr. Núñez Feijóo se está do lado dese PP de Casado que pretende rematar coa nosa lingua e recortar a capacidade de mestras e mestres de desenvolver o seu traballo en galego. Precisamos un Goberno que fomente as políticas de aprendizaxe do galego en escolas primarias e institutos e que traslade que o seu uso poida ser unha realidade en todas as esferas”, remata a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla.