Sen prexuízo do recollido no artigo 60 do Estatuto Básico do Empregado Público, Javier Galán manifesta que o devandito Estatuto non impide a presenza de representantes políticos como observadores ( non como integrante do órgano de selección ), e coida que esta medida coadxuvará a que os representantes da cidadanía teñan a meirande información e coñecemento acerca de como se desenvolven os procesos de selección de persoal. Procesos selectivos que teñen un grande valor, en canto da súa realización sen anomalías ou irregularidades e con plenas garantías vai depender que se cubran as prazas de emprego público con exquisito arreglo as disposicións de igualdade, mérito e capacidade.
A nosa organización lamenta a falla de transparencia na política de persoal que se está a producir no concello. Na actualidade os Grupos Municipais non temos información algunha en relación cos procesos de selección de persoal: ignoramos quen se presenta, a conformación dos propios tribunais, e se sucede algunha anomalía ou cuestión relevante, en resumo, o ignoramos todo. Cómpre superar esta situación que non favorece a ninguén.
Esquerda Unida firme defensora do valor do emprego público para a prestación de bens e servizos públicos polo concello para a nosa cidadanía, entende pois que é hora de termos presenza nestes procesos.
A realidade obxectiva do proceso para cubrir unha praza de economista, que ten producido queixas, a eliminación de temas, a situación xerada cando só resta un candidato após da primeira proba e restando aínda outras tres, os tempos para a preparación dun temario para grupo A, etc. supón un exemplo do que referimos.
O Grupo Municipal demanda, xa que logo, ter presenza nos procesos de selección de persoal, asemade de esixir do Goberno Municipal unha rigorosa explicación do acontecido no proceso selectivo para a praza de economista. Demandamos para tal efecto a convocatoria dunha Comisión.