Recuperación do cinema galego

A iniciativa contempla a planificación para aplicar, en canto sexa posible, un programa de cine dedicado a escolares de toda Galicia, que poñan especial énfase no cine galego, no cine estranxeiro subtitulado e con mensaxes que permitan traballar a transversalidade e os valores éticos e morais, así como a creación dun plan de promoción do audiovisual galego, contando coa participación do sector, quen de dar saída á creatividade e cumprir así co dereito á cultura da cidadanía galega.

A cultura cinematográfica galega precisa de canles de expresión. A voracidade da competitividade do cine comercial, amais do desinterese das administracións públicas por participar no mantemento das infraestruturas dedicadas ao cine, así como da propia crise de consumo, conduciron, de forma inexorable, ao peche de numerosas salas de cine en toda Galicia, de tal forma que na maior parte das cidades galegas só se manteñen salas de cine integradas en macrocentros comerciais que, por forma, non apostan pola exhibición de películas galegas, por filmes de autor ou de cine independente, senón que pulan por fórmulas de éxito comercial normalmente procedentes das produtoras norteamericanas. Poderíase dicir que a actuación da administración debe contemplar un estudo das instalacións que antes se dedicaban ao cine para estudar e planificar a súa rehabilitación e recuperación como espazo audiovisual. Igualmente, ao remate da aplicación do programa nas cidades máis importantes de Galicia debería existir cando menos unha sala de proxección pública, onde o cine independente, de autor, se sinta acollido e protexido.

A disposición de salas públicas permitirá, ademais poñer en valor entre os nosos alumnos e alumnas o valor da nosa cultura cinematográfica e a do cine que transmita valores éticos e morais. Dita posta en valor virá da man dunha programación estable para escolares ao longo do curso, facilitando a realización de actividades complementarias. Pénsese na importancia de filmes en versión orixinal subtituladas á hora de adquirir unha lingua estranxeira.

Desde Alternativa Galega de Esquerda defenden que a existencia dunha programación cinematográfica áxil e ousada conduciría á recuperación do sector audiovisual galego, onde existe inestabilidade, precariedade e desemprego. O cine galego está sendo recompensado fóra das nosas fronteiras en certames internacionais e resulta paradoxal que existan enormes dificultades para as súas estreas en Galicia ou que case que ningunha sala aspire a proxectalas. Poñer á disposición do público galego as creacións cinematográficas é unha forma de reciprocidade e retorno co que se facilitaría o cumprimento do dereito á cultura a través por exemplo dunha táboa de prezos razoables establecida entre a Xunta de Galicia, as administracións públicas implicadas e os axentes sociais implicados no proceso creativo, produtivo e divulgativo do cine en Galicia.

Por todo isto, Alternativa Galega de Esquerda presentou no Parlamento unha proposición non de lei na que se insta á Xunta a poñer en marcha un programa para a recuperación do cine en Galicia cunha clara aposta polo sector audiovisual galego.

Relacionados