Pasarelas peonís

Este arranxo foi adxudicado polo Goberno municipal a dedo, alegando unha urxencia inexistente, violando os principios de bo goberno que permiten poñer cerco a corrupción. Adxudicado por un PP que cando estaba na oposición criticaba as contratacións mediante procedementos negociados, mais agora na alcaldía utiliza estes contratos masivamente.

Esquerda Unida denuncia que o arranxo das 16 pasarelas peonís supoñen un dedazo de 481.512 €. A lexislación establece que sómente pode contratarse por procedemento negociado (coñecido popularmente como contrato a dedo) cando se xustifica debidamente que a licitación aberta non é factible, pois este procedemento supón grandes limitacións aos principios de publicidade e concorrencia. Os expertos na materia recoñecen a ampla discrecionalidade que supón este método de contratación. A propia intervención municipal pon reparos a este contrato e advirte que hai unha incongruencia no proceder ao declarar a urxencia na súa tramitación, sinalar un prazo de execución de catro meses, pagar a conta do orzamento do 2013 unha cantidade e e demorar outra a conta do próximo exercicio, contradicindo a propia Lei de morosidade.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes considera que seis meses dende a licitación até o inicio dos arranxos demostran que a urxencia era unha coartada para contratar a empresas amigas. O contrato foi publicado no perfil do contratante o 24 de abril de 2013, a adxudicación é do 16 de setembro e o inicio da obra en novembro. O propio goberno local desbota coa súa actuación o argumento da urxencia, unha coartada que EU considera unha burla e xa denunciou como “falaz e insustentable” esta argumentación en diversas ocasións, máis cando a resposta dunha pregunta escrita nosa o goberno local recoñeceu a principios do ano 2012 que xa tiña desenvolvido o estudo das pasarelas, onde esta a urxencia se tardaron máis dun ano e medio en contratar?

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que ” o goberno municipal utilizou a tramitación urxente co único motivo de que as empresas so tivesen 5 días para formalizar as súas propostas e poder contratar a quen lle dese a gana. Está claro que so quen coñece de antemán os pormenores do contrato pode facer unha oferta en condicións en circunstancias como estas”.

Por outra banda, o PP escudase en que o procedemento foi con publicidade, máis esconde que iso non é mostra de transparencia senón que é limítanse a cumprir a obriga legal de facer públicos os contratos de obra que superen os 200.000 €.

Relacionados