Cara un novo proxecto de país

Vencer os medos sociais que provocan estes gobernantes  liberar as potencias e singularidades que ten o pobo galego, para construír unha sociedade máis libre e igualitaria e para evitar que a emigración sexa, unha vez máis, a única solución que o goberno galego lle ofrece á súa cidadanía.

A Executiva Nacional de Esquerda Unida chama á cidadanía galega progresista e ás expresións sociais e políticas deste pobo, a construirmos entre todas un proceso constituínte para un novo proxecto de país. Facemos un chamamento pois ao conxunto de entidades sociais e políticas deste país a partillar esforzos para construírmos un proceso aberto, plural e anovador, un novo proceso constituínte, que devolva os poderes da soberanía popular á cidadanía e aos pobos que vivimos no Estado, hoxendía sometidos á tiranía dos mercados capitalistas, tan ben servidos por un goberno obediente só atento ás esixencias de banqueiros e defraudadores.

A Executiva Nacional de Esquerda Unida, manifesta que o pobo galego acadará os seus dereitos nacionais nun estado federal republicano. Cando o autogoberno agoniza entre o centralismo do PP e a forca do déficit,  Esquerda Unida, considera que os dereitos nacionais terán recoñecemento nun Estado Federal Plurinacional e Republicano. Nese ámbito de recoñecemento de dereitos poderemos construír entre todos e todas ese proceso constituínte para un novo proxecto de país.

“As esquerda temos que tecer a unidade da xente traballadora cos fíos dun programa común das esquerdas”, sinala a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz. A pluralidade política e social crítica, agochada pola tramoia oficial dun país vello, ten que tecer a unidade nas loitas e nas propostas cos fíos dun programa común das esquerdas, que dea satisfacción ás arelas de transformación social do país invisible, crítico e libre que latexa nas loitas sociais cotiás que percorren este país.

Por todo isto, dende Esquerda Unida, queremos tecer fraternidades e solidariedades republicanas para erguer a bandeira das necesidades das xentes traballadoras e con ela agregar e construír unha correlación de forzas nova e favorable ás necesidades da maioría social deste país. Esa trama liberadora é o xermolo deste proceso de empoderamento social que constitúe a base do novo proceso constituínte, que derrote a un réximen vello esgotado e ocupado polos banqueiros e defraudadores.

 

 

Relacionados