Paz, feminismo e revolución.
Para Esquerda Unida, todos os días son 8 de marzo, así que hoxe queremos poñer en valor e visibilizar a loita diaria das mulleres por conseguir un mundo onde todas as persoas poidamos desenvolvernos plenamente. Un mundo cada vez máis deteriorado polo que necesitamos revolucionar e cambiar lóxicas normalizadas que o danan e nos danan.
O ano 2023 e o comezo de 2024 están enmarcados nun contexto de tensión xeopolítica e unha crise ecosocial que non para de advertirnos que cada vez temos menos tempo e que precisamos incorporar unha mirada global para transformar as bases que nos teñen levado a esta situación, entre as que se atopa a desigualdade de xénero.
Precisamos máis revolución, unha revolución ideolóxica que remate coas premisas que naturalizan a desigualdade e que nos restrinxen a un pequeno lugar no mundo. Unha revolución social que identifique e priorice ás persoas, ao planeta e ás súas necesidades fronte aos desexos e aos privilexios duns poucos. Unha revolución económica que abandone a lóxica do crecemento infinito e incorpore a lóxica da sustentabilidade e o bo vivir. Unha revolución que impida o abuso de poder e de forza fronte a un mundo cheo duns matóns que exercen sen importarlles as consecuencias.
Necesitamos máis feminismo para ampliar a mirada e corrixir as desigualdades estruturais, incorporar o coidado coma unha cuestión social prioritaria á que responder desde a corresponsabilidade e establecer outro marco de relacións de poder onde se priorice abolir privilexios e se fomente o diálogo e a construción colectiva das solucións.
Necesitamos máis paz porque desde o discurso do odio só se destrúe ao outro, ao diferente, ao que se lle nega a súa humanidade para poder agredirlle, como temos visto ao longo da historia. Porque a guerra imposibilita a vida e acelera a destrución do planeta. Porque a rabia sen conciencia dirixe sempre ao máis feble que non é o responsable da frustración que percibe a sociedade.
Hoxe desde Esquerda Unida queremos denunciar ao capitalismo e ao imperialismo como os marcos que sosteñen a desigualdade e a explotación das persoas e o planeta. Queremos denunciar á OTAN coma ferramenta para iso e queremos denunciar o xenocidio palestino que está sendo executado sen que o noso Goberno exerza e represente o que cada día se berra nas rúas das nosas cidades e vilas que claman contra esta matanza.
Este ano as feministas queremos poñer en valor a loita histórica das mulleres pola paz, e denunciamos o desprazamento forzoso de millóns de persoas sen que se desenvolva unha verdadeira política de apoio ás persoas refuxiadas. Para evitalo e garantir a paz seguiremos loitando contra o poder corporativo das empresas transnacionais e o seu papel no aumento da militarización das fronteiras. Pero tamén, contra o auxe da extrema dereita que utiliza ao neoliberalismo no seu desenvolvemento máis depredador. Para o capitalismo e o patriarcado hai corpos e vidas que valen menos e así, normalízase a violencia contra as mulleres, as persoas racializadas e migrantes ou calquera que pense diferente.
A desigualdade que denuncia o feminismo é estrutural e global, asentada e sostida por un sistema capitalista e patriarcal, cuxo obxectivo é obter beneficios para uns poucos a costa do resto das persoas, pero actuando máis duramente sobre as máis vulnerables e oprimidas, que rematan sendo as mulleres en toda a súa diversidade (migrantes, racializadas, trans, con diversidade funcional, mozas e maiores).
Un sistema que, para seguir manténdose, precisa que as mulleres coiden de xeito gratuíto e sigan criando para aportar man de obra. Buscan fomentar a natalidade controlando o corpo das mulleres, no canto de posibilitar os apoios que permitan ás persoas desenvolver o seu proxecto de vida e que nel se poida incluír ter unha familia se así se quere, sen necesidade de sacrificalo todo.
Por iso, seguiremos esixindo o cumprimento da Lei 1/2023 de 28 de febreiro sobre dereitos sexuais e reprodutivos xa que, un ano despois, seguimos vendo como as Comunidades Autónomas bloquean a lei, impedindo o seu total desenvolvemento. Unha lei que pretendía eliminar os obstáculos aos que se enfrontaban as mulleres á hora de exercer o dereito á interrupción voluntaria do embarazo, garantir a educación afectivo sexual e avanzar en dereitos relacionados cos nosos corpos.
A sustentabilidade da vida é responsabilidade da sociedade no seu conxunto, no entanto, a organización social dos coidados segue sendo capitalista e patriarcal. A resolución dos coidados recae sobre os fogares e, de xeito principal sobre nós, as mulleres, de xeito gratuíto e “por amor”, pero cando sae ao mercado faino en condicións de precariedade absoluta, polo que o resultado é reparto do traballo de coidados baseado na desigualdade de xénero, etnia e clase social.
Por iso, precisamos máis feminismo, para construír unha sociedade que responda ás necesidades das persoas pero non a costa do proxecto de vida das mulleres. Este 8 de marzo precisamos a implicación, non só de todas as mulleres, se non tamén dos homes, na loita feminista.
Este 8 de marzo estaremos xunto a miles de mulleres e homes nas rúas, reivindicando feminismo para vivir, e reivindicando a necesidade de que continuemos avanzando en dereitos e apostando por un reparto xusto e democrático de todos os traballos, especialmente os traballos de coidados que seguimos sostendo as mulleres de xeito non recoñecido e invisible.
Porque sabemos que o feminismo é exemplo de que se poden mudar as cousas desde abaixo, reclamamos unha revolución feminista como alternativa transformadora para unha sociedade, xusta, libre, solidaria e igualitaria, na que poidamos vivir sempre en paz.
Este 8 de marzo, PAZ, FEMINISMO e REVOLUCIÓN