En representación do pobo

Alternativa Galega de Esquerda insta ao Parlamento de Galicia a se presentar como acusación popular no procedemento penal en trámite no Xulgado polo accidente ferroviario do pasado 24 de xullo en Angrois co obxectivo no só de investigar e depurar as responsabilidades penais dos causantes, por activa ou por pasiva, do accidente senón tamén de consideralo, no seu conxunto e cos antecedentes causais do mesmo, como un acto lesivo para o interese xeral que xustifica por si o exercizo da acción pública por parte do Parlamento.

Para Alternativa Galega de Esquerda os poderes públicos teñen a obriga legal, ética e de compromiso público a investigar as causas e depurar as responsabilidades e realizar todas cantas medidas, actividades e actuacións poidan contribuír a investigar e determinar as causas do accidente así como a evitar que se poidan volver a producir. Parlamento de Galicia como máxima expresión e representación política do pobo galego, debe estar especialmente obrigado a investigar as causas do accidente así como o estado xeral de seguridade da rede de alta velocidade, tanto da actualmente operativa como da prevista no futuro e por iso, AGE presentou a constitución dunha comisión de investigación no Parlamento.

 

Tras as comparecencias dos responsables de ADIF-Renfe e da ministra de Fomento, Ana Pastor, e as distintas informacións que se foron coñecendo confirman que se a rede ferroviaria estivese dotada das medidas de seguridade activas e pasivas asociadas a unha rede de alta velocidade e estiveran en pleno funcionamento operativo o accidente non se tería producido. Queda tamén acreditado como os gobernos da Xunta enganaron á cidadanía anunciando un AVE que non era tal dando un auténtico “cambiazo” do que son responsables os gobernos do Estado.

Relacionados