Contrato a dedo

Esquerda Unida afirma que o goberno municipal gasta máis do dobre en publicitar unha acción de dinamización do comercio que na propia campaña, proseguindo co estrago de cartos públicos en contratacións a dedo que poderían desenvolverse con recursos propios, ou como neste caso os propios comerciantes a través de convenios coas súas distintas asociacións. EU acredita que os comerciantes aproveitarían moito mellor eses 70.000 € con que o PP agasalla a unha “empresa amiga”.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que o goberno local, coa escusa de dinamizar o comercio, contrata a dedo unha empresa por 70.000 € para repartir premios por valor de 30.500 €. O PP converte, así, unha acción positiva para promocionar ao pequeno comercio coruñés, nun malgasto inaceptable en publicidade electoral gratuíta a conta de todos e todas. A campaña consiste en repartir vales de compra por valor de 30.500 € entre os que merquen en comercios non situados nas áreas comerciais durante o período que vai dende o 1 de setembro até o 15 de decembro de 2013. Pero o curioso e que con esta acción o goberno local manifesta a necesidade dunha empresa para mediar cos comercios da cidade como si os responsables municipais tiveran reparos en tratar cos castigados comerciantes abocados a sufrir en silencio e sen axudas reais as consecuencias da crise. Asemade, os pregos do contrato negociado tampouco motivan a necesidade dunha empresa mediadora cos comerciantes nin por que non corre coa xestión o persoal do Concello, sobradamente capacitado para atender a xestión solicitada aforrando 70.000,00 €.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “semella indignante que os que na oposición criticaban os contratos a dedo, agora promovan a contratación por procedemento negociado, e que moitas destes contratos teñan por finalidade realizar propaganda a favor do seu partido con cargo a os fondos que a cidadanía coruñesa lles encarga xestionar”.

César Santiso expresou a súa preocupación polo dispendio de cartos públicos que está a facer o goberno municipal apesares da precaria situación económica que estamos a vivir e que debería esixir un esforzo extra por parte das autoridades en especial do Concello, xa que logo, esixiu ao goberno local que abandone os contratos inútiles e traballe na consecución de medidas que verdadeiramente apoien á economía produtiva coruñesa

Relacionados