Esquerda Unida apoia a Carlos Portomeñe, denunciado, paradóxicamente, por ter un comportamento ético ao denunciar un posible caso de corrupción en Lugo

Esquerda Unida apoia a Carlos Portomeñe, voceiro do Grupo Municipal de Alternativa Cidadá de Esquerdas (ACE) no Concello de Lugo e membro da dirección de Esquerda Unida, que dentro dun mes terá que declarar no Xulgado por mor da querela que presentou o exalcalde José López Orozco contra el por facer o seu traballo: denunciar supostas irregularidades na tramitación do Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM) dende o seu compromiso ético co partido e coa cidadanía de Lugo.

A querela interposta por Orozco foi arquivada pola xuíza no xulgado número 2 de Lugo o pasado agosto de 2016, que dictouco seu sobreseímento libre por considerar as declaracións de Carlos Portomeñe dentro do exercicio do seu dereito de liberdade de expresión e do seu labor de crítica política como concelleiro. Esta inequívoca resolución xudicial foi recorrida polo ex alcalde ante a Audencia Provincial de Lugo, que cominou á xuíza a chamar a declarar tanto ao querelante como ao querelado por considerar “precipitado” o seu arquivo.

Ao igual que declarou en prensa Carlos Portomeñe, Esquerda Unida celebra que a insistencia do ex alcalde de Lugo  no amedrentamento por vía  xudicial, sexa unha motivación máis para seguir a senda da denuncia de casos de suposta corrupción, así como loitar por un urbanismo democrático, sustentable e que mellore a calidade de vida das persoas, e non sirva para ánimo de lucro das grandes constructoras.

“Irei o 28 de abril ao xulgado simplemente a reafirmarme en todo o declarado tanto ante os medios de comunicación como ante a xuíza no seu momento, cando declarei como testemuña sobre a tramitación do PXOM e o intento de pelotazo urbanísticio de Fixós, que fun eu mesmo quen o levou á Fiscalía en 2009 xunto á coordinadora nacional de Esquerda Unida, Yolanda Díaz”, afirmou Portomeñe.

Esquerda Unida segue unha folla de ruta marcada por un código ético que obriga ás persoas a denunciar ante a Fiscalía e a colaborar coa Xustiza ante calquera indicio de corrupción co que se atopen no exercicio dos seus cargos públicos.

 

Relacionados