ron.png - 18.05 Kb

Fume e pobreza

  

O detonante foi, logo da semana contra a pobreza, ver como os tres grupos parlamentarios de Galicia asinaban –un máis- un documento contra a pobreza auspiciado pola Coordinadora Galega de ONGD’s. E como, en todas as tribunas mediáticas de medio mundo, saían fotos e discursos de compromisos e promesas de salvación.

 

No momento imaxinei que a sinatura, por parte dalgúns, formaba parte da representación dunha farsa, onde a palabra, por sortilexio das artes escénicas, se volve fume e inexistencia.

 

Días despois, cando coñecimos as diversas partidas orzamentarias da Xunta de Galicia para o 2011, nunha columna de opinión deste GC, vimos como desde a Coordinadora Galega de ONGD’s xa se laiaban da falta de compromiso coa Cooperación ao Desenvolvemento. Alguén dubidaba que iso ía ser así??

 

Se ollamos para a partida destinada no 2011 ao Plan de Loita contra a Pobreza e a Exclusión Social, veremos como os 12.985 euros previstos son unha ofrenda ao fume liberador dos compromisos. E demostra a verdadeira  faciana dos que din gobernar en nome de todas as persoas….

 

A voracidade do capitalismo salvaxe non coñece freo: millóns de persoas en todo o planeta viven na indixencia. Nos EE.UU. hai uns 45 millóns de persoas empobrecidas. De forma diaria, na gran vila capitalista chamada Nova Iork, unhas 1.500 persoas somerxénse no lixo á procura de alimento. En Galicia un 19,1% das persoas vive na soleira da pobreza, 5 puntos máis que en épocas de suposta bonanza da economía capitalista. Moito máis, xa daquela, que en calquera dos países centrais da UE. Entón, habería que preguntarse como é posible que iso puidese acontecer…

 

Jean Ziegler (El odio a Occidente, 2010) lémbranos que a austeridade aplicada ao Programa Mundial de Alimentos da ONU (de 6.000 millóns a 4.000 millóns) levou a suprimir en Bangladesh a anulación das comidas escolares destinadas a un millón de nenos famentos.  E no campo de refuxiados de Kenia, 300.000 somalís só poden recibir unha ración diaria de 1.500 calorías, cando o pertinente sería 2.200 calorías.

 

E iso despois de que no ano 2000, cento noventa e dous estados membros da ONU asinaran en Nova Iork os Obxectivos de Desenvolvemento do Milenio (ODM) que deberían levarse a cabo entre o 2000 e o 2015. Eses obxectivos falaban de: 1) erradicar a pobreza e a fame; 2) garantir a todos os nenos e nenas unha educación básica; 3) promover a igualdade entre sexos e a autonomía da muller; 4) reducir a mortandade infantil; 5) mellorar a saúde das nais; 6) combater a sida, a malaria e outras epidemias; 7) garantir a protección do medioambiente; 8) establecer un pacto mundial para o desenvolvemento.

 

Xa pasaron 10 anos e todos os índices que describen aos 8 ODM…non deixaron de medrar…en prexuízo dos máis empobrecidos. Asinar documentos é o que mellor saben facer os nosos desgobernadores, pero seguir as letras impresas do asinado….E iso é o que se agocha detrás do feito de que os desnutridos pasasen dos 785 millóns de persoas no 2000 aos 854 millóns no 2008. O cinismo dos países enirquecidos non deixa de ser aterrador.

 

Por iso, neste instante de naufraxio, a política de austeridade da política capitalista aínda doe máis. Aplícase a todo o que afecta á igualdade de oportunidades reais entre as persoas. E mentres, os ricos son máis ricos. As maiores fortunas da lista Forbes aumentaron o seu patrimonio con respecto ao 2009 (+0,5 billóns). Os bancos acaparan as vivendas embargadas. Os executivos volven a ter retribucións millonarias análogas ao 2007. Ante esta insultante demostración de inxustiza social, un pregúntase como os empobrecidos non reventan un sistema que os deixou sen vivenda, sen traballo e a expensas da caridade.  E só podemos imaxinar que a poderosa máquina de persuasión do capitalismo fai todo o posible para asentar un seductor pero falso imaxinario que lle permita seguir dominando ao pobo. 

 

Hoxe, o acceso á igualdade de oportunidades non é un dereito. O Estado acordou adelgazar conforme ao que queren os organismos de chantaxe internacional (BM, FMI, OMC) e ir minguando os recursos para manter uns servizos públicos de calidade, eficaces e eficientes. Sen servizos públicos, as xentes do común, as que realmente padecen as consecuencias do capitalismo salvaxe, non contan con nada para facerlle fronte á perda. Perdido o dereito, o Estado acepta entregar unha cantidade de diñeiro a empresas (normalmente relixiosas) para que se ocupen como poidan –malamente- da enorme e crecente cantidade de persoas que se achegan á procura de alimentos, roupa e un cáseque improbable traballo. O dereito vólvese caridade.

 

Como é posible que ningunha das medidas económicas de rescate financeiro dos bancos (na zona Euro en outubro de 2008 os Estados liberaron un billón setecentos mil millóns de euros) derivara nun beneficio real para as persoas? Porque esa non era desde logo a finalidade. A austeridade neoliberal derivou en ERE’s, desemprego, perda de vivenda, perda de dereitos, que só afectaron ás persoas do común. E os ricos, aproveitáronse ben da situación tal como demostran os incrementos patrimoniais dos máis ricos. No tocante aos españois: + 26,3% (Manuel Jove), + 17,6% (Alicia Koplowitz), + 54,5 (Botín), + 36,6 % (Amancio Ortega).

 

Fronte a este naufraxio, non cabe asinar documentos que non compremeten a nada. Deberan ser xudiciables. Procuremos alternativas. Por exemplo, e só poño unha pequena mostra: unha banca pública formulada segundo os preceptos da banca ética e solidaria; o establecemento dunha renda básica; unha fiscalidade progresiva que redistribúa a riqueza en forma de servizos públicos de calidade, eficaces e eficientes; academos que o acceso á igualdade de oportunidades sexa un dereito e non unha caridade.

Relacionados