Os casos de corrupción do PP e o abandono de Galicia, no debate da Moción de Censura

Este 13 e 14 de xuño celebrouse no Congreso dos Deputados a terceira moción de censura da Historia da democracia, onde se recriminou a corrupción e o abandono de Galicia por parte do Goberno de Mariano Rajoy, entre outras cousas.

Alberto Garzón, coordinador Federal de Izquierda Unida, e o voceiro de En Marea, Antón Gómez-Reino, interviñeron co fin de defender a democracia e os dereitos sociais. Dende a Tribuna do Congreso, Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e vicepresidenta do Parlamento de Galicia, asistiu ao acto xunto aos alcaldes Jorge Suárez, Xulio Ferreiro e Martiño Noriega.

O coordinador federal de Izquierda Unida, Alberto Garzón, denunciou que en España se practican dous tipos de corrupcións “unha ilegal e outra legal”, algo que se arrastra desde hai moito tempo e que leva á conclusión de que nos enfrontamos “non a un problema de mazás podrecidas, nin de individuos concretos con moralidade perversa, senón que é o problema dun réxime político, dun sistema político que mantivo intacta a cultura da impunidade do franquismo e a unha oligarquía corrupta que se enriqueceu sobre a base da represión contra os demócratas e que se seguiu enriquecendo na democracia”.

Alberto Garzón desenvolveu un discurso de clara denuncia social e netamente de esquerdas. Comezou lembrando que Rajoy cualificou esta moción de censura de “ofensa ao pobo español”, practicamente os mesmo termos que utilizou para tratar de desacreditar a querela que IU rexistrou en 2013 na Audiencia Nacional para desmontar a trama de corrupción do caso Bárcenas.

Garzón mostrouse satisfeito de que, grazas a esta acción xudicial, ademais de coñecerse as reviravoltas do PP, “acreditouse, non só a través de indicios, que o partido que sostén ao Goberno, o PP, tiña unha caixa B na que metían diñeiro as grandes empresas a cambio de concursos públicos ou, como mínimo, tratos de favor. Estas non son simples elucubraciones, senón feitos probados e acreditados”, dixo.

Ver a intervención de Garzón dende aquí

 

Pola súa banda, o voceiro de En Marea preguntou ao Goberno de Rajoy cal era o seu plan para Galicia: “Desde En Marea imos censuralo! Pola súa corrupción, pero tamén polas súas políticas, especialmente en Galicia, onde reduciron o investimento máis dun 30% nos últimos orzamentos”, denunciou Gómez- Reino.

“Parécelle normal destrozar as rías, permitindo a súa contaminación e deixar que os seus amigos de ENCE sigan contaminando 60 anos máis? Parécelle normal abandoar os nosos sectores produtivos? Parécelle normal impedir a transferencia da AP-9, a pesar de que o PP votase a favor en Galicia? Parécelle normal desmantelar o noso sistema bancario, primeiro coas caixas e esta mesma semana co Banco Pastor? Parécelle normal que non teñamos trens de cercanías?”, preguntou Gómez-Reino ao Goberno, ante a ausencia total de resposta.

En Marea lembroulle a Rajoy que, mentras eles lle regalaban soberanía á Troika ou estaban en casos de corrupción, a cidadanía empobrecíase e aumentaban as desigualdades.

“No último ano, a fortuna de tan só tres persoas equivale xa á do 30% máis pobre do Estado, máis de 14 millóns de persoas”, insistiu Gómez-Reino, recordando que a desigualdade de renda medrou no Estado 20 veces máis que o promedio europeo. Neste tempo, aumentou tamén a precariedade, con salarios 9 puntos por debaixo dos niveis de 2008.

Ver a intervención de Gómez- Reino dende aquí

Durante as súas intervencións, ambos destacaron a necesidade de dotar de recursos e pular pola loita contra a violencia machista.

Finalmente, o PP gañou a votación, pero perdeu as formas e o debate.

 

 

Relacionados