Valoración dos resultados 21O

A ledicia non é completa, xa que a maioría absoluta do PP permitirálle seguir adiante coa súa política de destrución física e social en Galicia. Ademais, a elevada abstención mostra a desconfianza de boa parte das e dos galegos na política. Este feito é en parte comprensible, xa que ata agora soamente tiñan representación no Parlamento Galego a dereita e unha oposición de centro-dereita incapaz de opoñerse con rotundidade ás políticas do PP, xa que no fondo comparten os mesmos plantexamentos capitalistas.

Pero o PP engánase se pensa que poderá continuar facendo esta tarefa destrutiva sen unha verdadeira oposición. A partires de agora haberá unha nova alternativa no Parlamento Galego que fará fronte con todas as súas forzas aos seus intentos de facer pagar á maioría social de Galicia as consecuencias da crise económica.

Crise económica da que, por moito que queiran convencernos, as e os traballadores non somos responsables.

Alternativa Galega de Esquerda (EU – ANOVA) traballará a partir deste momento nas institucións ademais de traballar nas rúas para facer fronte ás agresións que se están levando a cabo contra o territorio galego e a clase traballadora coa única intención de favorecer os intereses privados empresariais e financeiros.

A entrada de Alternativa Galega de Esquerda (EU – ANOVA) marcará en Galicia o inicio da contraofensiva da clase traballadora contra as agresións do capital e chama ás galegas e galegos a mobilizarse e a implicarse politicamente para traballar na transformación social cara unha Galicia solidaria, sostible e xusta.

 

Relacionados