A eurodeputada Sira Rego reúnese co persoal de Siemens-Gamesa de As Somozas e Cuenca e pide o mantemento das fábricas

A voceira federal de Izquierda Unida e Eurodeputada,  Sira Rego xunto coa coordinadora nacional de Esquerda Unida Eva Solla, e o coordinador de IU de Castela a Mancha Juan Ramón Crespo,  mantiveron unha xuntanza telemática co persoal de Siemens-Gamesa e piden á empresa o mantemento das factorías en Cuenca e As Somozas.

Na xuntanza amosaron o rexeitamento ao ERE o peche destas fábricas plantexado por Siemens-Gamesa e critican que “a dirección da empresa nestes momentos tan delicados use a deslocalización para deixar na rúa a 266 persoas”.

A eurodeputada Sira Rego comprometeuse co Comité de Empresa e os representantes sindicais de CCOO e UGT a realizar as xestións necesarias para que poidan manter unha reunión co Vicepresidente Executivo da Comisión Europea polo Pacto Verde Europeo, Frans Timmermans, e o Comisario de Traballo, Nicolas Schmit, tendo en conta que Siemens- Gamesa, a pesar de querer destruír emprego no noso país, solicitou subvencións á Comisión Europea.

Para Rego esta deslocalización responde ao “interese da empresa por aumentar máis os seus beneficios, debido a que en ningún momento se constatou que a planta non sexa viable ou rendible”.

“As enerxías renovables forman parte dun sector estratéxico e o piar fundamental sobre o que debe  pivotar a reconstrución en toda Europa despois da pandemia” sinalou a Eurodeputada.

Sira Rego tamén anunciou que seguirán presionando e traballando para “paralizar o peche e a deslocalización destas fábricas”, porque “agora máis que nunca debemos reforzar o noso tecido industrial e fomentar a creación de postos de traballo a través das enerxías renovables e verdes”.

Na xuntanza estiveron presentes o Secretario Xeral de CC.OO. Industria Galicia, Víctor Ledo, o Presidente del Comité de Empresa da planta de Siemens-Gamesa en Cuenca, David Moreno, o responsable de CC.OO. Industria, Ángel León, o Secretario Xeral de UGT FICA Cuenca, Manuel Martínez.

Relacionados