Esquerda Unida esixe á Xunta que compareza para dar explicacións pola vacinación da conselleira delegada de DOMUSVI

Tras coñecerse pola prensa que Josefina Fernández e o seu irmán Pedro Fernández, Conselleira Delegada e membro da Directiva de DOMUSVI respectivamente, foron vacinados o pasado mes de xaneiro, Esquerda Unida esixe á Xunta de Galicia que compareza e ofreza explicacións públicas de estes feitos.

Esquerda Unida lembra que o “Plan galego de vacinación fronte ao SARS-COV-2” establece coma primeiro grupo de vacinación ás persoas residentes ou traballadoras en residencias de maiores ou discapacidade, elemento que evidentemente non inclúe a directivos das empresas que xestionan as residencias.

Eva Solla, Coordinadora Nacional de Esquerda Unida traslada: “Non só é de lóxica, se non que está claramente marcado no punto 4.1 do Plan de Vacinación. Unha directiva dunha empresa non é traballadora dunha residencia. Polo tanto, estas persoas deberan vacinarse cando lle toque á súa franxa de idade, igual que o resto de galegos e galegas.”

Este caso ofrece unha especial crueldade xa que os directivos de DOMUSVI son responsables da xestión que levou a falecer a milleiros de maiores na primeira onda de COVID-19 en todo o Estado. Agora semellan ser dos primeiros en saltarse a orde para vacinarse antes que a maioría da poboación.

Eva Solla apunta: “Aínda non se vacinou a totalidade do persoal sanitario, tampouco o persoal dos centros de día ou as traballadoras de axuda no fogar e por suposto, non se vacinaron o resto de persoas maiores que non viven en residencias nin as enfermas crónicas. Este acto amosa egoísmo e súmase á longa lista da infamia que crece cada día.”

Esquerda Unida entende que é hora xa de que a Xunta compareza para dar a cara ante este despreciable feito que se suma en Galicia a outros casos de vacinacións que “non tocaban”, coma o da Alcaldesa de Boimorto, do Partido Popular.

Relacionados