A prol da lingua 8/02 Compostela

Esquerda Unida fai un chamamento ao conxunto da cidadanía galega a participar masivamente na manifestación en defensa da lingua convocada este domingo 8 de febreiro pola plataforma Queremos Galego en Santiago de Compostela.

Os recentes datos facilitados polo do IGE falan ás claras da urxencia dun cambio de rumbo na política lingüística da Xunta de Galicia, dada a importante perda de espazos de uso e número de falantes do idioma propio de Galicia que estes datos recollen. As franxas xeracionais reflicten, ademais, un feito que debe de motivar á urxente reacción: non está xa garantido o relevo xeracional, xa que os novos non o empregan e non van transmitir un valor do que non fan uso.

No ano 2004 as forzas presentes daquela no Parlamento de Galicia aprobaran por unanimidade o Plan Xeral de Normalización Lingüística, a recuperanción dese consenso (que implicaría a derogación do actual Decreto de Plurilingïsmo de efectos demoledores na educación infantil) e o desenvolvemento pleno do plan de normalización sería o punto de partida necesario , para evitar que a nosa lingua se convirta nun simple recordo etnográfico.

Por todo isto Esquerda Unida fai un chamamento a convertir a marcha do día 8 en Compostela nun acto masivo de toda a sociedade galega para expresar o seu rexeitamento ás políticas lingüicidas da Xunta de Galicia que, en vez de favorecer á lingua minorizada, o galego, insisten en manter atrancos que se volven infranqueables.

Relacionados