ferrol.gif - 5.79 Kb

Alegacións ó trazado do ferrocarril ó porto exterior

 

Esquerda Unida rexistrou, en maio do ano pasado, ao Ministerio un amplo escrito de alegacións diante do estudo informativo de Fomento onde rexeitabamos de plano a posibilidade de optar pola variante sur, que en troques de aforrar condena a morte á ensenada da Malata. Non só foi EU, outras moitas entidades asociativas da cidade elaboraron as súas propias, coincidentes no fundamental, rexeitando a variante pola que teima apostar o Ministerio.

 

A nosa organización lembra a esixencia de contestación das numerosas e complexas alegacións presentadas. Nós neste outono xa demandamos por medio doutra nota a esixencia de contestación. O silencio espeso do Ministerio foi toda a resposta obtida. Preguntámonos se os sinais que emite agora o Goberno do Estado teñen que ver con algo real ou somentes co fume das urxencias electorais, xogando coa necesidade de creación de emprego e dinamización económica da nosa cidade. Non é digno nen responsable xogar co noso porvir e co da ría de Ferrol.

 

O Grupo Municipal denuncia o grave risco que corre a nosa ría diante da proposta ministerial, que suporía rematar coa Malata e xunto a isto a destrución da riqueza extractiva da ría e os empregos asociados directa e indirectamente.

 

A nosa organización formula unha clara advertencia: se o Ministerio teima en destrozar a nosa ría vaise topar coa resposta social organizada da cidade. Animando e participando desa resposta estarán as mulleres e homes de Esquerda Unida.

 

Reclamamos como primeiro paso para saír do xogo da confusión electoralista na que se instalan os gobernantes do concello e do Ministerio que se contesten en tempo e forma as alegacións presentadas no período de exposición pública. E logo demandamos da  Alcaldía que defenda os intereses reais da nosa cidadanía ( a riqueza natural da ría, as actividades a ela asociadas, caso das deportivas ou económicas, e o emprego derivado das mesmas ) e non acepte ser obsecuente peza dun estéril xogo electoralista.

Relacionados