Moción Soto de Leixa

 

Hoxendía o único centro realmente existente é o centro Terra de Ferrol, cuxa plantilla depende da Consellaría de Educación. Na vixente RPT hai 117 traballadoras e traballadores entre fixos  e interinos, dos cales  54 son interinos. Queremos salientar o compromiso asinado  na Comisión Mixta prevista no protocolo de colaboración entre Vicepresidencia e a Consellaría de Educación en xullo de 2008 no que a totalidade da plantilla mantería a súa condición de empregados públicos, a repartir entre Vicepresidencia e Educación, pactándose os criterios para a adscrición de maneira individualizada e coa antelación suficiente.

 

A práctica que está a seguir o Goberno Feijóo avala o desacougo das traballadoras e traballadores, por canto aos centros de atención á dependencia están a ser privatizados na súa xestión, coa conseguinte merma na calidade asistencial e o empeoramento das condicións laborais das e dos traballadores. Situacións que se anuda coa redución do gasto social recollido nos orzamentos da Comunidade presentados esta semana.

 

O Grupo Municipal de Esquerda Unida quérese facer partícipe da inquedanza que manifesta a plantilla do centro e, xa que logo, considera necesario clarexar que baixo ningún concepto se producirá a privatización total ou parcial  da xestión  do centro Souto de Leixa cando este entre en funcionamento. Semella oportuno, ao noso parecer, acadar un pronunciamento do Pleno do concello o máis amplo posible neste aspecto.

 

A posta en entredito de 54 postos de traballo nunha bisbarra que mantén as meirandes taxas de desemprego da Unión Europea ten que ser contestada e rexeitada pola representación política da cidadanía ferrolá. Máis cando esa destrución de emprego público se produce nun eido tan sensible e necesitado de investimentos públicos como é o da dependencia.

 

Xa que logo, o Grupo Municipal de Esquerda Unida  achega ao Pleno do concello de Ferrol a seguinte porposta de ACORDOS:

 

1ª.- O Pleno do concello de Ferrol acorda instar á Xunta de Galicia a garantir o compromiso de  mantemento dos postos de traballo da totalidade da plantilla hoxe adscrita ao Terra de Ferrol na condición de empregados públicos e no proceso de segregación para a posta en funcionamento do centro Souto de Leixa.

 

2ª.- O Pleno do concello de Ferrol acorda instar á Xunta de Galicia a garantir o mantemento da xestión pública do centro Souto de Leixa no proceso de segregación e posta en funcionamento, proceso que non debe ir alén  do remate deste ano 2010.

Relacionados