desafiuzamentos e vivendas sociais

O Grupo Municipal de Esquerda Unida – Os Verdes rexistra unha batería de preguntas escritas sobre a situación dos desafiuzamentos e o acceso a vivendas sociais na cidade da Coruña ante as alarmantes cifras proporcionadas polo IGVS.

Hai 3.500 familias que pediron o acceso a unha vivenda social na cidade, una cifra de solicitudes realmente alarmante que amosa a gravísima situación de acceso a un ben básico e un Dereito Humano inalienable coma é a vivenda. Estas son as preguntas:

1.- O Concello di que non existe ningún problema na cidade no acceso as vivendas sociais, pero, a través do IGVS indican que na cidade hai 3.500 familias que pediron o acceso a vivendas sociais e non poder ser atendidas. ¿Como pode dicir o Concello que non existen problemas de acceso a vivendas sociais na cidade?

2.- ¿Qué medidas e solucións tomou o Goberno municipal para arranxar a problemática de acceso ás vivendas sociais para estas 3.500 familias?

3.- ¿Canto custou os diferentes despregues da policía local EXTRAORDINARIOS na cidade durante o 2013 para cubrir as intervencións nos desafiuzamentos?

4.- ¿Cantas vivendas sociais se dispoñen na cidade? ¿En que estado se atopan estas vivendas (superficie das mesmas, se están habitables, número de dormitorios, zonas da cidade nas que se atopan, características das vivendas)?

5.- ¿Número de casos de persoas en risco de desafiuzamento que chegaron a Servizos Sociais durante o 2013?, ¿Cantos casos se resolveron sen chegar a producirse o desafiuzamento?, ¿En cantos casos chegou a realizarse o desafiuzamento?, ¿Cantas de estas familias foron realoxadas directamente por servizos sociais?, ¿Cantas de estas familias se atopan agora en vivendas sociais?

Esquerda Unida afirma que o goberno municipal renuncia a desenvolver políticas para promover o acceso á vivenda. Mentres a situación de emerxencia social expulsa a veciños e veciñas da súas casas, deixándoos na rúa ao amparo da beneficencia, o goberno local recorta o programa de vivenda en máis de 11 millóns de euros e deixa sen dotación económica o programa de acceso á vivenda. Así, no exercicio 2010, estes programas sumaban unha consignación presupostaria de 16,7 millóns de euros, mais dende a chegada ao poder do PP, esta cantidade pasou a 7,5 millóns no ano 2012, a tan so 5,6 millóns no 2014 no programa 152 vivenda e desapareceu a dotación para o programa 153 acceso á vivenda.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “parece incrible a total pasividade e opacidade do goberno local sobre a alarmante situación dos desafiuzamentos e a falta de oferta de vivenda social na Coruña, é coma se nesta cidade non pasase nada, mentres nos atopamos nunha gravisima situación de emerxencia social e falta de vivenda social como amosan os datos publicados polo IGVS“.

 

Relacionados