Esquerda Unida esixe a xestión pública de Povisa e denuncia a teima da Xunta de agasallar á empresa privada con cartos públicos

Despois de vir de coñecer a nova da máis que probable venta do Hospital Povisa, dende Esquerda Unida denunciamos o agasallo de cartos públicos que Núñez Feijóo fai á propia Povisa e ao Grupo Ribera Salud, con sede en Valencia. “O ano pasado denunciamos que ese falso preconcurso de acredores era só unha artimaña para sanear as contas dunha empresa para posteriormente vendela, tal e como vemos que está a acontecer”, sinala Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida.

Segundo explica Solla, tamén vicepresidenta do Parlamento de Galicia, “o fondo de Ribera Salud debe máis de 140 millóns de euros á Comunidade Valenciana, é unha empresa absolutamente pirata e protagonista da privatización da sanidade pública no País Valencià, tal e como se veu co Hospital de Alzira”. Concretamente esta empresa, que está detrás dunha parte importante da privatización dos servizos sanitarios do Estado “é debedora dunha comunidade autónoma dende o ano 2017, polo que non pode facerse cargo da atención sanitaria pública que neste caso está concertada a través de Povisa”, especifica Solla.

Respecto ao persoal, Solla explicou que “é unha desvergoña que pese advertir a situación na que están máis de 1.300 traballadoras e traballadores coas que non se cumpre o convenio colectivo e que teñen os seus dereitos conxelados desde fai anos, paralelamente a Xunta continúe rescatando con fondos públicos a Povisa para facilitar o seu saneamento e a súa venda”, di a deputada. “Seguimos reclamando que as contas de Povisa se fagan públicas, porque o Consello de Contas xa emitira un informe de fiscalización do concerto no que advertiu literalmente da falla de transparencia no desenvolvemento do proceso de negociación e a non xustificación da forma de cálculo do valor do contrato, entre outros elementos”, especifica.

“En realidade, o que leva acontecendo nas últimas décadas é que estamos pagando con fondos públicos un negocio privado, co que ademais agora se vai facer un suculento negocio, unha vez máis, despois de sanealo de novo con cartos públicos”, resume. Esta situación “atenta contra o dereito á saúde, xa que evidentemente os cartos públicos que se invisten dentro de Povisa non se invisten na sanidade pública e que atenta tamén contra os dereitos de 1.300 traballadoras e traballadores”, di Solla.

Nin para mellorar as condicións laborais nin para mellorar a atención sanitaria, “os cartos públicos están indo a facer negocio privado e, concretamente, recaen na empresa Ribera Salud. Por todo isto, dende Esquerda Unida esiximos, en primeiro lugar, que se garanta o emprego destas persoas e, en segundo lugar, que a xestión do Hospital sexa pública. “O Sergas ten que facerse con esa empresa dalgunha maneira e, dende logo, temos que xestionar ben a sanidade, non pode ser que o interese da Xunta sexa usar cartos públicos para facer negocio para as empresas privadas”, remata Solla.

Relacionados