🎥 Esquerda Unida lembra este 25 de Xullo en Mugardos os 40 anos da constitución dos primeiros concellos democráticos

Esquerda Unida está a celebrar este 25 de Xullo un acto festivo e político baixo o lema: “Un fío vermello para tecer alternativa de país”, no Porto de Mugardos e que rematará cun xantar popular. No acto político interviu a coordinadora nacional de Esquerda Unida, Eva Solla, o secretario de Organización de Esquerda Unida, Rubén Pérez e a alcaldesa de Mugardos, Pilar Díaz.

Pilar Díaz, alcaldesa de Mugardos, foi a encargada de presentar o acto e agradeceu a Esquerda Unida que tivera de novo a idea de celebrar aquí un acto para lembrar os 40 anos de concellos democráticos e que “Mugardos foi un deses concellos que tivo a sorte de ter unha candidatura, encabezada por ‘Gelo’, para ensinar o camiño da esquerda ante a escuridade”.

Pola súa banda, Rubén Pérez, incidiu na importancia do traballo das compañeiras e compañeiros dende os concellos “antes chamados democráticos, onde estaba representado, cando non existía Esquerda Unida, o Partido Comunista de Galicia, no 1979”. “Se algo intentou facer a dereita foi frear as eleccións do 77, xa que non querían outro Fronte Popular. Pero estas eleccións foron importantes porque tiveron lugar despois dunha ditadura e en plena consolidación da democracia; e foi unha batalla moi dura”, dixo.

Pola súa banda, Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida, lembrou esta data poñendo o aceno na importancia das alcaldías democráticas, homenaxeando fai dous anos a Juan Prieto Balsa, último alcalde republicano asasinado pola ditadura franquista. “Hoxe volvemos a reivindicar, dende ese fío vermello de loita, a celebrar a constitución dos 40 anos dos primeiros concellos democráticos”, explica a coordinadora nacional de Esquerda Unida.

Solla sinalou que a importancia de ter en conta “ese fío vermello que nos leva de onte a hoxe transitando polos concellos republicanos” co obxectivo de mellorar as condicións de vida da clase traballadora galega que conta con moitas deficiencias onte e hoxe. “Estas loitas son as que constrúen o país de esquerda que queremos para desaloxar a dereita. O país que queremos non se constrúe sen soberanía alimentaria, sen industria, sen futuro para a mozas e mozos…”

“É precisamente o conflito de clase o que ten que centrar as loitas e, dende Esquerda Unida, remarcamos a importancia de estar nas  rúas e no tecido social. No Día de Galicia temos que lembrar a loita da esquerda para mudar as políticas de recortes e de destrución de emprego do bipartidismo”, rematou.

Ver o acto en:

Relacionados