Esquerda Unida segue a levar xuntanzas con colectivos e asociacións de profesionais para abordar e recoller as propostas que marcarán as liñas programáticas da organización no marco das Eleccións Autonómicas de Galicia. Esta vez, Eva Solla, coordinadora nacional de Esquerda Unida e Loreto Taibo, membro da dirección de EU, reuníronse co Colexio Oficial de Hixienistas Dentais.
As hixienistas incidiron en que a súa profesión está precarizada e, na súa maioría, as profesionais que a exercen son mulleres. As representantes do Colexio Oficial de Hixienistas Dentais reclamaron a actualización da lexislación coa fin de concretar as súas competencias, xa que actualmente están a facer funcións que non son propias destas profesionais, o que lles impide o seu desenvolvemento óptimo. Esta “ambigüidade lexislativa” no desenvolvemento das competencias da súa profesión tamén axuda á precariedade laboral e ás malas condicións na contratación.
Respecto ao Sergas, as hixienistas esixen melloras nos recursos cos que contan e denuncian que existen unidades de saúde bucodental nas que non hai hixienistas dentais, polo que reclaman unha profesional por cada unidade.
O campo sanitario é unha das prioridades de Esquerda Unida, para o que abordamos, dentro da súa amplitude, cuestións como as relativas á saúde bucodental.