Esquerda Unida súmase e chama a participar nas mobilizacións feministas que terán lugar este 8 de marzo

Esquerda Unida súmase e chama a participar nas mobilizacións feministas que terán lugar nas diferentes localidades este domingo 8 de marzo, Día Internacional da Muller Traballadora, co lema Feminismo en loita!

Neste 2020 se cumpren 110 anos da proposta de saír á rúa o 8 de marzo para conmemorar o Día Internacional da Muller Traballadora, unha proposta de feministas como Clara Zetkin, que nos lembra que o feminismo debe continuar en loita. Cada ano, as mulleres de todo o mundo saímos ás rúas o 8M para esixir unha alternativa a este sistema patriarcal.

Dende Esquerda Unida temos claro que o importante é seguir a traballar nas propostas feministas para avanzar como sociedade, sobre todo ante o auxe do autoritarismo e da extrema dereita, que mostra o ataque dos poderes económicos aos nosos dereitos.

Por isto tamén e fundamental saír este 8M ás rúas para denunciar que as mulleres seguimos a sufrir desigualdade e discriminacións en canto a dereitos básicos se refire, como a precariedade laboral ou a fenda salarial, polo que cremos que é importante difundir e animar á cidadanía a que secunden estas mobilizacións.

 

Relacionados