O acordo do Consello da Xunta para exercer o dereito de compra preferente das participacións dos socios que se marchan ( Endesa, Pastor, Caixa Galicia e Caixa Nova ) supón unha mala nova para a cidadanía galega e de Ferrolterra en particular: supón un novo aval político a unha planta ilegal e perigosa e constitúe unha errada política de investimento de recursos públicos, cando a mesma Xunta está a chorar a falla de financiamento para acometer outras inversións e proxectos.
A nosa organización quere salientar a actual situación de infrautilización da planta, que se atopa a un 30% da súa capacidade de produción, e que a pesares diso formula a petición de ampliación da súa capacidade de produción, o que non deixaría de significar un aumento evidente dos riscos para a vida e seguridade da nosa veciñanza.
Esquerda Unida lamenta e critica o posicionamento desa oposición de papel que é o propio PSOE ( na persoa do responsable de industria e enerxía, Valentín Formoso ) ao requerir e presionar á Xunta para que aumente o seu paquete accionarial e reclamando das caixas que non vendesen as súas participacións en Reganosa. Yolanda Díaz considera que este capítulo supón unha pobre e triste defensa dos intereses xerais da veciñanza de Ferrolterra, que restan o albur de xogos de intereses empresariais alleos en absoluto ás necesidades das persoas que vivimos e traballamos en Ferrolterra