Calquera concello, por ser a administración pública máis próxima ás mulleres maltratadas, debe actuar con medidas que fagan que estas mulleres se sintan seguras á hora de denunciar a súa situación e poidan abandoar ao seu maltratador. Medidas como a que xa existía en Santiago de Compostela, a casa de acollida, que foi pechada o 29 de decembro de 2007, pese a que ese mesmo ano acollera a 18 mulleres e 17 nenos.
Entendemos que o Concello ten que procurar a implicación da Xunta de Galicia, pero que, en todo caso, a existencia dun goberno autonómico irresponsable nesta materia non exime ao equipo de goberno local de procurar dar esta solución ás mulleres maltratadas para que non sexan derivadas a Coruña.
Hoxe mesmo voltamos a ver como desde a Xunta de Galicia se volve a unha promesa incumprida desde o ano 2007, co anuncio dun Centro Integral para a Recuperación da Muller vítima da violencia machista. Agardamos que este centro non sexa, de novo, unha simple promesa que queda prisioneira do papel.
Segundo esa nova promesa, o Centro Integral levaría a cabo as súas accións, “unha vez rematada a primeira fase da súa atención nos centros da rede galega de acollemento”, polo que entendemos que as mulleres do noso municipio non poden verse privadas dunha casa de acollida integrada nesa rede galega.
Por todo isto o Consello Comarcal de Esquerda Unida Compostela propón ao Pleno do concello de Santiago a seguinte proposta de
ACORDO
Primeiro.- Creación dunha casa de acollida para mulleres vítimas da violencia machista de titularidade e xestión pública no concello de Santiago de Compostela.