Na sesión plenaria desta mañá, a vicepresidenta do Parlamento e deputada de En Marea, Eva Solla, vén de defender unha moción relativa ao peche de camas que se repite ano tras ano no Sergas “sen unha xustificación real e lóxica”. “Pese a ter avisos de saturación dos servizos de urxencia, non se abriron as camas pechadas”, lembrou a deputada.
Eva Solla denunciou tamén a falla de transparencia da Consellería de Sanidade, que “continúa sen ofrecer datos relativos ás lista de agarda non estruturais solicitadas hai máis de dous anos, datos que aínda non foron trasladados pese a existir un máximo legal dun mes para dar resposta ás preguntas dos grupos parlamentarios”. “As listas de agarda que se publican son falsas, non son a realidade”, sinala Solla, quen lembra que “é imprescindible que se planifique a medio e longo prazo, cun plan que se adecúe a realidade ao tempo e que se amorticen as prazas recortadas nos últimos anos. Sen embargo, non hai ningún tipo de plan e temos máis de 1.000 profesionais menos na atención primaria”.
Sobre a comparecencia do Conselleiro de Sanidade
Respecto á comparecencia do Conselleiro de Sanidade, Eva Solla denunciou o descenso de profesionais de carácter fixo, con praza en propiedade. “O Consello de Contas indica que os índices de temporalidade continúan a ser altos e medran cada ano. Un 37,6 por cento no último exercicio analizado a atención especializada. Alértase tamén da diminución de 689 efectivos de persoal propietario e polo tanto unha grande parte dos profesionais non vai poder acceder a eses dereitos. Estaría ben que lle trasladara por que non se recoñece o seu traballo a pesar de levar moitos anos traballando no sistema público de saúde”, pediu Eva Solla ao Conselleiro.
Tamén ten moito que ver, tal e como sinalou a deputada de En Marea, coas taxas de reposición que durante moitos anos diminuíron o número de profesionais na sanidade pública. Neste sentido dubidou dos datos ofrecidos na comparecencia do Conselleiro, xa que non coinciden con ningún dato público que exista. “De onde sae o cálculo de profesionais no sistema público que emprega? Contan os contratos eventuais, ou simplemente as incorporacións sen ter en conta as xubilacións?”, preguntou Solla.
“Durante moitos anos invitaron, obrigaron a se xubilar forzosamente moitos profesionais médicos, e agora botamos as mans á cabeza pola ausencia de profesionais, sobre todo en pediatría”, dixo, e citou que “a continua perda de profesionais ten especialmente un efecto demoledor nas zonas rurais”.
“A súa comparecencia non é máis que un lavado de cara para evitar falar dos recortes e das privatizacións dos últimos nove anos, así como a consecuente perda de dereitos laborais”, rematou a deputada.
Ver a intervención dende aquí: