O concello evita o debate sobre mobilidade

 

 

Esquerda Unida considera que o concurso de ideas para mellorar a mobilidade da Coruña e unha nova cortina de fume lanzada polo Goberno municipal para agachar a súa incapacidade en materia de mobilidade e evitar o debate neste terreo de cara as eleccións municipais. En definitiva o concello pretende dar carpetazo ao terceiro problema que máis preocupa a veciñanza coruñesa, a base de estragar cartos públicos que pertencen a todos os coruñeses e coruñesas.

 

Para o Consello Comarcal de EU Coruña, a actitude do Goberno local resulta inconcibíbel e amosa ben as claras a súa ineficaz política. O concello está a empezar a casa polo tellado, pois antes de desenvolver un concurso de ideas o lóxico e normal sería definir un Plan Integral de Mobilidade en base a uns criterios políticos claros e concisos, para que posteriormente os técnicos poidan desenvolver a súa labor con garantías de éxito. Con todo o Goberno municipal, ao carecer de criterio político en materia de mobilidade, prefire encomendar solucións milagrosas aos enxeñeiros con cartos públicos, a sabendas de que sen definir criterios o resultado non pode ser satisfactorio.

 

Dende Esquerda Unida lamentamos que o concello, unha vez máis, desatenda a proposta de participación cidadá que estamos a suxerir, por iso esiximos ao Goberno coruñés que conte coa cidadanía para resolver o problema de mobilidade a través da creación dun  Consello de Mobilidade Local no que participe a veciñanza, os movementos sociais e as distintas forzas políticas coruñesas.

 

Finalmente César Santiso, Coordinador Comarcal de EU, recordou que EU leva meses desenvolvendo un ambicioso Plan Integral de Mobilidade Universal e Sostible (PIMUS)” baseado nun transporte público amplo, eficaz, económico, universal e sostible que permita reducir considerablemente a utilización dos coches dentro da cidade e que evite a entrada masiva de vehículos particulares á cidade mediante a utilización de aparcadoiros disuasorios gratuítos nas principais entradas a cidade.

Relacionados