Proposta de mobilidade do concello

 

O consello comarcal de EU Coruña insta ao goberno municipal a crear con urxencia o consello da mobilidade, ao considerar a participación cidadá fundamental para o éxito da execución de calquera plan de mobilidade.

 

A concelleira avanzou as liñas xerais da proposta do concello en materia de mobilidade, onde destacan a recuperación da cidade para os peóns, a reducción do uso dos vehículos particulares, o rediseño das liñas de autobús ou a creación de carrís bici.

 

Esquerda Unida felicítase de que o concello da Coruña base a súa proposta de mobilidade nos alicerces do Plan Integral de Mobilidade Universal e Sostíbel (PIMUS) desenvolvido por EU.

 

A nosa organización subliña a coincidencia en canto a necesidade de recuperar os espazos públicos para a cidadanía mediante a canalización da circulación por as rúas principais de cada barrio, prohibindo o tránsito nas rúas interiores salvo para residentes, transporte público e vehículos de carga y descarga, unha medida que está a desenvolverse con éxito en Vitoria. A diferenza do concello que propón a división da cidade en supermazás de 400 m. EU considera que se deben utilizar criterios baseados nas necesidades e os modos de vida da veciñanza dos barrios, é dicir cada barrio debe participar activamente no deseño da recuperación dos seus espazos públicos como vimos defendendo no Plan de reactivación da vida nos barrios.

 

Esquerda Unida considera que a reducción de entrada de vehículos privados na cidade é condición indispensábel para garantir o éxito de calquera plan de mobilidade, polo que lembra a súa proposta de aparcadoiros disuasorios gratuítos nas entradas da cidade eficientemente enlazados con transporte público. Proposta, desenvolvida con éxito en cidades como Bilbao.

 

O coordinador comarcal de EU, César Santiso, indicou “saúdamos a disposición do goberno local para desenvolver un plan de mobilidade participativo, Esquerda Unida ofrece a súa colaboración para que tamén sexa universal e sostíbel”.

 

Así, César Santiso incorporou un novo tema ao debate da mobilidade: a creación dun billete único progresivo que permita a cidadanía utilizar o transporte público con liberdade da súa condición económica. A proposta consiste no pagamento do importe integro do primeiro viaxe e un pagamento simbólico de arredor do 10% no resto de viaxes do día.

 

Segundo Santiso, o desenvolvemento desta medida que so estaría operativa para os usuarios con tarxeta, será vital para o éxito do plan de mobilidade pois a utilización masiva do transporte público colectivo depende primordialmente de que a veciñanza aprecie un claro aforro económico en relación coa utilización do vehículo particular.

Relacionados