Comité de Empresa de Albada

Hoxe, ao remate da xuntanza entre Esquerda Unida e unha representación do comité de empresa de Albada, desenvolveuse unha rolda de prensa conxunta na que participaron Jorge Gil, responsábel de organización de EU, César Santiso, coordinador comarcal e voceiro do grupo municipal de EU-V e o presidente do Comité de empresa, Xosé Manuel Vilariño.

Jorge Gil comezou a rolda de prensa manifestando o apoio de Esquerda Unida as reivindicacións dos traballadores e traballadoras da planta de tratamento de refugallos de Nostián.

 

De seguido tomou a palabra Xosé Manuel Vilariño para denunciar o incumprimento do preacordo acadado o 24 de abril por parte de Albada, e alertar da situación na que se se atopa a planta de reciclaxe, onde os refugallos acumúlanse sen tratar dende fai 15 días como consecuencia dos recortes laborais da empresa.

 

O presidente do Comité anunciou a presentación de denuncias diante de Sanidade e Medio Ambiente, pois asegura que se están a producir dores de cabeza e barriga nalgúns traballadores debido aos gases que emanan dos refugallos acumulados.

 

César Santiso inidicou “solidarizámonos co conxunto de traballadores e traballadoras de Albada, como forza da esquerda transformadora, sempre loitaremos xunto a clase traballadora e a maioría social, os traballadores e traballadoras coruñesas deben saber que cando teñan un conflito laboral poderán contar co apoio de Esquerda Unida”.

 

Santiso indicou que a empresa está a bloquear deliberadamente o convenio coletivo e acusou a Albada de forzar aos traballadores a ir a folga na defensa dos seus dereitos. Situación que non se produciría no caso de que a xestión fose pública.

 

O voceiro do grupo municipal de EU–V esixiu ao Goberno municipal que medie no conflito “O tratamento de refugallos e un servizo que ten que prestar o concello independentemente que a xestión a realice unha empresa privada, xa que logo, o responsábel final é o concello. Non é ético ni valente que o Goberno local agache a cabeza indicando que é un problema entre traballadores e empresa”.

 

Relacionados