CEIP San Xoán de Figueira

A dirección local de EU acompañada do Grupo Municipal denunciou hoxe en rolda de prensa a actitude de dilación indebida e mistificación do PP no tema do CEIP San Xoán de Filgueira, dado que non se apuran as horas para que se reúnan con urxencia a dirección do centro coa Consellaría de Educación, nin se deixa de intoxicar con mentiras á opinión pública acerca da magnitude do recorte.

 

Na Xunta de Voceiros pedida por EU non se conseguiu que o Goberno Municipal adiantara a reunión da dirección do centro educativo cos representantes da Consellaría de Educación. Así hoxendía seguen pechados e con novas mobilizacións na comunidade educativa e a Xunta segue deixando pasar os días sen sentarse a negociar.

 

 Esquerda Unida denuncia as manobras para intoxicar a opinión pública acerca das pretensións de recorte de profesorado. O recorte, porque de recortes falamos, non é dun só docente,  senón de sete. O PP pretende eliminar a sete profesores e deste xeito matar os programas de atención educativa especial e a diversidade. Eliminar unha característica esencial da praza educativa dun centro senlleiro en materia de educación  para a convivencia e a igualdade.

 

EU reclama que se convoque con urxencia ao Consello Municipal de Educación, que reúne á pluralidade da comunidade educativa da cidade, para que este órgano entenda e asuma as demandas educativas do CEIP San Xoán.

 

Non cabe confundir os termos da polémica: o alcalde non ten que mediar entre dúas partes enfrontadas. O alcalde ten que defender as necesidades  educativas das nenas e nenos do San Xoán de Filgueira, necesidades educativas que non se atenden se perden profesorado. O alcalde -e tal lle reclama Esquerda Unida-  ten que poñerse a liderar as xustas e necesarias demandas deste centro escolar de Ferrol.

Relacionados