Situación do ensino no rural

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2013.- O Partido Popular volve a mentir e falsear os datos para tratar de agochar as súas verdadeiras intencións. Nesta ocasión minte ao asegurar que a Xunta abrirá 51 novas aulas de ensino no ámbito rural xa que tal e como denunciou o deputado de Alternativa Galega de Esquerda, Ramón Vázquez, non son máis que unidades provisionais habilitadas e non están consolidadas no catálogo de centros aprobado a semana pasada e no que si se recolle o peche de 15 centros escolares e 45 aulas de ensino.

A liña mantida polo Partido Popular cun goteo incesante de peches de escolas no rural galego e os continuos recortes que afectan de xeito máis grave a estes centros está levar ao ensino rural a unha situación agónica tal e como destacou Ramón Vázquez quen denunciou que este brutal ataque agrava aínda máis o problema económico e demográfico que está a padecer o rural no noso país.

Con este novo golpe con novos peches son xa 83 os centros de ensino público pechados polo goberno de Alberto Núñez Feijóo no ámbito rural o que supón afondar aínda máis se cabe no desmantelamento do mundo rural galego e poderíase considerar coma un crime social que lastra o noso futuro como país. Así, Feijóo en só 5 anos superou o triste récord de peche de centros en Galicia con 83 escolas menos fronte ás 129 pechadas polo seu “amado antecesor” Manuel Fraga en 15 anos de goberno.

O deputado de AGE, Ramón Vázquez, lamentou a postura do PP que “mentres asiste a xuntanzas promovidas por AGE para desenvolver un plan de mellora do mundo rural, continúa a desenvolver unha política de ataque e destrución que suporá a morte demográfica e económica do campo galego”. Ao empeoramento das condicións de acceso á educación é a calidade da mesma súmase a destrución de emprego que supón esta medida coa eliminación de 43 postos de traballo cos que se superan xa os máis de 1.300 postos de docente en Galicia nos cinco anos de goberno de Núñez Feijóo.

As denuncias de Alternativa Galega de Esquerda son compartidas polo propio Valedor do Pobo que no seu informe anual advirte da situación do mundo rural no que asegura non se está a garantir en condicións de igualdade o dereito a educación e insta a tomar as medidas oportunas para evitar esta situación.

 

Por todo isto, Alternativa Galega de Esquerda insta á Xunta de Galicia a cesar de xeito inmediato na súa política de ataque e exterminio do mundo rural galego e levar a cabo unha auténtica planificación da rede de escolas que contrarreste a tráxica situación que está a padecer o rural no noso país.

Relacionados