Elevador de San Pedro

Apesares de que os datos de explotación seguían a ser deficitarios o PP prorrogou a devandita concesión, de dubidoso atractivo turístico e nulo retorno económico como denunciamos en rolda de prensa o 14 de marzo deste mesmo ano.

O grupo municipal de Esquerda Unida – Os Verdes denuncia que un ano despois da promesa do goberno local de mellorar os datos de explotación, a concesión bateu o récord de perdas. Así, segundo consta no detalle da conta global de explotación dos devanditos servizos, aprobada na xunta de goberno local do 29 de xuño, o déficit de explotación que ten que asumir o Concello alcanzou os 416.065,95 € no ano 2012, incrementándose en preto de 47 mil euros respecto ao ano 2011. Os custos de xestión e mantemento destes servizos, incluíndo un 19% extra que se lle abona a concesionaria en concepto de gastos xerais (13%) e beneficio industrial (6%) segundo figura en contrato, ascenden a 465.555,42 € incrementándose preto de 26 mil euros respecto ao 2011. Mentres que os ingresos tan so chegan a 75.310,61 96.214,83 descendendo en preto de 21 mil euros.

Esquerda unida insta ao goberno municipal a rescatar a concesión do elevador e miradoiro de san pedro polo seu resultado ruinoso. Un servizo que cada vez ten menos atractivo turístico, pois o seu uso descendeu en dous anos a metade, utilizando o servizo tan so 31.675 persoas no 2012, o que ven a supoñer que cada usuario que utiliza o elevador cústalle aos coruñeses e coruñesas máis de 13 €. Cantidade que de seguro non ten o seu retorno económico na actividade produtiva local porque a miopía dos nosos gobernantes impediu xerar un polo de actividade comercial ao redor destas atraccións turísticas, máis ben todo o contrario porque o visitante que se achega até alí pasa practicamente medio día fora da oferta consumista coruñesa.

O voceiro de EU-V, César Santiso, indicou que “hai que tomar medidas urxentes e contundentes, pois o goberno  municipal ten acreditado a súa incapacidade para resolver esta sangría económica, pois durante os seis anos que leva en funcionamento pecharonse todos con perdas, superando o millón de euros a suma das  perdas dos tres dos tres últimos anos.

 

César Santiso, salientou que “a este paso rematarán o mandato sen solucionar esta sangría económica, cando denunciamos as enormes perdas, o goberno municipal apresurouse a indicar que estaban a avaliar outras posibilidades de explotación, un ano despois todo segue igual, agora falan dun estudio”.

Relacionados