Xabier Ron: “Solicitaremos a anulación do novo procedemento de acceso á nacionalidade española”

Esquerda Unida critica o novo procedemento para ter acceso á nacionalidade española, requirido pola nova Lei de Rexistro Civil, “que implica pasar unha proba de cultura española obrigatoria a través dun exame que supostamente avalía a cultura, aínda que o que realmente obriga é a pagar un gravoso imposto de 325 euros ás persoas susceptibles de recibila”, explica o membro da dirección de Esquerda Unida e deputado de AGE Xabier Ron.

É por iso que Ron rexistrará este luns unha iniciativa, por medio do grupo Alternativa Galega de Esquerda (AGE),  na que se denuncie “o trato discriminatorio que dispensa tanto a Xunta de Galicia como o goberno do Estado á poboación estranxeira, que son persoas que xa levan anos traballando no noso país e exercendo os seus deberes de cidadanía”.

“Trátase, por tanto, dunha proba que emana do racismo frío e institucional que caracteriza ao Estado e á Xunta, polo que dende AGE solicitaremos a anulación destas probas e a supresión das taxas”, sinala Ron. Ademais, “pedimos que, se ten que haber unha proba, que esta sexa gratuíta e que se realice en entidades públicas e no concello de residencia das persoas que opten a ela”, remata.

Relacionados