Censo de inmobles e canalizacións con asbesto

 

Javier Galán fixo fincapé, na Comisión extraordinaria de Persoal,  na necesidade de cumprir os acordos plenarios, porque estos lonxe de expresar un capricho dos propoñentes, adoitan atender necesidades certas da nosa cidadanía.

Froito dunha iniciativa de Esquerda Unida do mes de xaneiro de 2005, en marzo dese ano houbo unha moción conxunta dos Grupos Municipais na que se acordou a realización dos devanditos censos e outras accións destinadas a procurar para a área sanitaria de Ferrol, a dotación dunha unidade integral que atenda o complexo de doenzas relacionados co amianto. A nosa bisbarra é unha zona de alta prevalencia das doenzas derivadas da exposición ao asbesto e cómpre unha meirande atención sobre esta problemática por parte do Goberno Municipal, máis cando hai acordos plenarios por medio.

 

A prevención é o chanzo fundamental que preside o quefacer de EU no que atinxe ao asbesto. O censo que reclama a nosa organización, supón unha primeira garantía, que tense que completar   coa debida  supervisión municipal para que nas actuacións que se produzan e que actúen sobre materiais con asbesto estas actuacións corran a cargo de empresas que estean inscritas no RERA ( Rexistro de Empresas con Risco por Amianto ).

 

No caso concreto das obras no Sánchez Aguilera, Javier Galán lle pregunta ao Goberno se as obras no inmoble contan co preceptivo plan de traballo, a aprobar pola autoridade laboral nun prazo de 45 días hábiles, documento no que hai que acreditar que se consultou aos representantes dos traballadores para a súa elaboración. Tamén o Plan de traballo ten que contar co informe  da inspección de traballo e do Centro de Seguridade e Saúde Laboral. Todo elo segundo recolle o RD 396/2006, que consigna as disposicións mínimas de seguridade e saúde aplicables aos traballos con risco de exposición ao amianto.

 

A nosa organización esixe do Goberno Municipal que garanta o estrito cumprimento da lexislación en materia de prevención de riscos laborais nas obras que son da súa competencia. “Cando falamos de saúde pública temos que esixirlle ao Goberno que se deixe da súa deixadez habitual”, sinala Javier Galán. Cómpre información e formación en todos os eidos para garantir a prevención de riscos laborais.

Relacionados